A segunda forma do artigo
Denomínase “segunda forma do artigo” á obriga que existía na normativa anterior á última reforma de sinalar graficamente a pronuncia que substitúe o r polo l no final dunha palabra que precede unha vogal. Debíase sinalar a través dun guión: O xefe da oposición pediu visita-las obras. Coa reforma normativa, recoméndase que se use na escrita a forma plena: visitar as obras aínda que se debe pronunciar coma se ese r se transformase nun l que se enlaza co artigo posterior.
Igual sucede coas palabras que acababan en s: Tódalas palabras que escoitei. Mantense idéntica pronuncia pero escríbese coa forma plena: todas as.
Aínda así, nalgúns casos mantense na escrita esta característica da nosa fala. Por exemplo, en u-lo, u-la, en ámbalas ou ámbolos (cando son pronomes) e tamén na contracción por+a=pola e noutros casos, como eilo cando contrae co pronome a partícula adverbial eis.
Que vos parece. Sodes máis de come-lo caldo ou de beber o viño?
Eu pasei a “beber o viño” por “disciplina” pero non vexo claro que non sexa un atraso deixar de “bebe-lo viño”. Pola miña experiencia, penso que ha supoñer a morte, nas xeracións agora escolarizadas, deste xeito de falar. Por moito que os entendidos teñan claro que só cambia a escrita, xa non se le como se fala(ba), senón como se escribe. Igualiño pasa co “ao” fronte ao “ó”, que cada vez se escoita menos como o aberto e máis coma un literal a+o. Non hai quen lle meta na cabeza aos cativos nin a moitos dos seus mestres/as (non digamos a políticos, teleparlantes e anunciantes da radio) que só mudou a escrita, non a fala. O do “ao” que non se le “ao” é unha batalla que non sei se non terei perdida coa miña filla máis pequena. Comprendo todo iso do achegamento ao portugués pero coido que estes cambios fixeron máis mal ca ben, alonxando os falantes de nacemento, acabándoos de convencer de que a súa fala é incorrecta e que non dominan esa lingua que perciben como de deseño, malia a seren cambios mínimos; certo que se achega a sectores máis ideoloxizados pola beira lusista. Os que están en desacordo comigo (que son moitos 🙂 ) consideran que o meu é un purismo excesivo e que é mellor facer estes sacrificios ca desaparecer de “pura pureza”. Ogallá que teñan razón.
Ese medo é compartido por moitos analistas. Pero penso que o problema vén da formación dos profesores e da influencia do refrán castelán de: “nuestra lengua es superior a las demás porque se habla igual que se escribe”. Pero en realidade o galego xa tiña antes da reforma unha esixencia de pronuncia máis alá da grafía. Por exemplo, pola escrita non podemos saber cando unha palabra leva vogais abertas ou pechadas. Graciñas polo comentario, Manolo
Totalmente de acordo con Manolo. Os que temos fillos pequenos sabémolo.
A segunda forma do artigo morre e a pronuncia de ó pasa a ao.
Haberá que agradecerllo ós “listos” que pensaron tal recomendación.
O problema é de didáctica. Temos que empezar a pensar en que o galego non se pronuncia como se escribe. Pensa nun intre nas sete vogais: tamén poden perderse se ninguén os diferencia na escola. E o n velar? Tampouco ten unha grafía que a sinale. Moitas grazas por comentar. Saúdos
O das vogais abertas e pechadas penso que é unha batalla perdida.
Miña opinión é que non ler como se escribe fai a lingua menos accesible, penso que a lingua ha de ser accesible (o máis regular posible) e doada de aprender.
Oxalá houbera datos para saber cando son quen de diferenciar entre vogais abertas e pechadas entre os menores de 30 anos.
E volvendo ó da segunda forma do artigo, o que non vexa que tal como está cousa se vai perder a forma falada (contraída) é que vive noutro mundo. Quero pensar que os ilustres xa o saben e terán as súas razóns para facer o que fixeron.
Moi vo artículo, axudoume moito!!
Graciñas a ti por ler e comentar.
Que eu saiba a RAG non recomenda, senón que deixa a cada persoa escolle-la opción que prefira. O mesmo pasa con -ble/-bel e -aría/ería.
E escríbese “eilo”? Non sería ei-lo?
É certo que formas coma come-lo caldo, bebe-lo viño ou suma-los números xa non son moi usadas arestora; mais si o son tódolos, ámbolos, mailo, polo, u-lo, tralo…
O que non entendo é porque algunhas levan guión e outras non. Case todas levan guión; mais porque casos coma o de tódolos, ámbolos, mailo, polo, tralo ou eilo non o levan? Hai algunha regra que diga cando a segunda forma do artigo se debe representar por guión e cando non?
Para min, que teño 41 anos, e que me ensinaron na escola a segunda forma do artigo, e ademais daquela era a forma recomendada… Este cambio de criterio é un erro garrafal. Paréceme absurdo a non máis poder ter unha forma escrita que se adapta á perfección á falada e cambiala por outra, para despois ter que explicar que palabras escritas como “ao” hai que pronuncialas como “ó”, “aos” como “ós” e “andar o camiño” como “anda-lo camiño”. A miña filla de 11 anos, pásalle o que a tódolos cativos post-cambio, din como len por moito que os corrixas. Supoño que isto é o que perseguen os que lles gusta o achegamento ó Portugués. Estou dacordo en que hai que aproximar no posible ámbolas dúas linguas no posible… Pero non a conta de chapodar a propia evolución do galego. A segunda forma do artigo e as contracións “ó” e “ós”, en particular, non as herdamos do castelán, son nosas, moi nosas e é unha pena que se perda, ou iso penso eu.
Non lle bota-las culpas á formación dos mestres, senón ó abusurdo da norma.
Por certo, nunca escoitara iso de que o español é superior o resto das linguas porque “se habla igual que se escribe”. Non é certo, o certo podería ser que se fala como se le, non como se escribe. Por exemplo, en español, a palabra “huevo” non se escribe “uebo”, nin a palabra “coger” se escribe “cojer”… Pero nin así é certo se atendemos, por exemplo nos caso de eses e zetas, “yeísmo”, etc.
En teoría, en linguas outras linguas como Alemán ou o Portugués, non sei se o italiano, etc.. tamén teñen unhas normas que deixan ben claro como se ha de ler unha palabra. Non é superioridade do Español polo que tampouco é excusa.
Tamén lin máis arriba, outra vez a modo de excusa, que o galego antes da reforma xa tiña unha esixencia na pronuncia máis alá da grafía, e puñan de exemplo que na grafía non se diferencian vogais abertas de pechadas. Isto é certo, e a mín pareceríame fabuloso, fantástico e admirable que a forma gráfica o reflectira. Vai en sintonía coa miña teoría de que a forma escrita debe achegarse á falada e non ó revés, que é o que defende esta nova regra. Iso si, habería que ver que palabras van con vogais abertas e cales van con pechadas, porque isto varía moito dependento da rexión de Galicia na que nos atopemos.
Outra cousa, se non me engaño, o “n” nasal velar sonoro ten a súa grafía no galego, que é “nh”. AlgunHa, ninguNHa, e uNHa… Estou dacordo en que non é a mellor forma de representala porque o “nh” tamén pode representa-lo son da “ñ”. Unha solución podería ser deixa-lo “nh” para o son do eñe e usar aletra “ñ” para para representa-lo son do ene nasal velar sonoro /ŋ/, ou engadir ” ŋ ” como unha nova letra do noso abecedario… Hai onde escoller sen ter que complicarnos co castelán.
O tema da acentuación tamén é unha das tarefas pendentes, copiouse outravez do castelán e hai cousas mal adaptadas. Por exemplo os galegos tendemos a facer esdrúxulas, e non graves, palabras como “armario”, sería lóxico escribir “armário”, “boticária”, “Mário”, etc…
Conclusión:
As reformas que se fagan han de ir a prol de refresentar graficamente o que se fala e non ó revés. Este é o obxectivo da escritura, o contrario é facer xerogríficos con letras.
Graciñas polo comentario. Como fas referencia a cousas que fun dicindo noutras respostas a comentarios, contéstoche:
A forma de falar apréndese escoitando e falando. Cando unha lingua se aprende a partir da escrita significa que está en perigo de desaparición. En Andalucía os libros de texto non necesitan poñer os seus trazos propios para que o ceceo a substitución de l por r e outras características sigan a transmitirse de xeración a xeración.
Por suposto que é un tópico españolista pensar que é unha lingua superior a súa; recoméndoche o libro ‘O nacionalismo lingüístico’, do profesor Moreno Cabrera. Publicouno hai anos Morgante. Aínda onte un amigo meu me dicía que era imposible aprender inglés porque practicamente cada palabra había que aprendela de memoria xa que non hai regras de pronuncia, non como no español, que todo está claro. En fin. E é certo que, tal e como dixen antes en referencia ao andaluz, a norma escrita do español non é unívoca. E non pasa nada. 300 anos de hexemonía do son ce sobre o son s na norma escrita non conseguiron minguar un ápice o seseo en Latinoamérica.
Non indiquei a modo de escusa o das sete vogais. É unha realidade. A norma escrita só se mete a fondo neste asunto nos acentos diacríticos (sempre se acentúa a forma con vogal aberta: cómpre, vén) pero en realidade, o nivel de variedade na pronuncia é alto. Sol na Costa da Morte é aberto e no Bolo, pechado; ollo é aberto en Lalín e pechado nas Neves, polo que non pasa nada por non grafalo.
O n velar ao que me refería é o n final de palabra. Non me vou repetir: non fixo falta grafalo diferente para que a nosa fonética o pronuncie diferente. E se hai nenos que non o saben pronunciar non é por causa da ortografía senón porque non oen habitualmente falar en galego. Porque no fondo ese é o problema da fonética, do léxico e da construción sintáctica. Que a didáctica habitual na escola se encontra con que en moitos lugares ensinar galego é coma ensinar inglés, que o alumnado non está “inmerso” nun ambiente galegofalante. Mais cando un fala con nenos galegofalantes de comarcas onde a lingua aínda está viva e é maioritaria, ben que din come-las papas e non se lles ocorre pronunciar ao, por moito que nos contos que lean así veña escrito. Apertas
Boas:
Para min é un erro non achegar a escrita ó que se fala (isto xa o comentei arriba). E á vez empregar a escrita, no caso do galego (lingua asoballada) para recuperar formas ou o que sexa preciso que os «sabios» consideren.
Son da opinión de que a lingua ten que ser accesible e para elo penso que sería bo que se regularizase. Por exemplo, penso que sería bo que evolucionase e e que cada son se representase dun xeito, que fose doado escribir algo a partir da súa escoita. Algo que penso que coa última reforma se empeorou. Por exemplo temos licenza e preferencia, logo temos que algunhas palabras que antes remataban en -cia agora non está claro se seguen a ser -cia ou -za. Este é un exemplo, logo está o -ct- que algúns pasan a ser -t- conflito por exemplo perde o c… E claro, como non hai unha fala normalizada isto complica moito a correcta escrita.
Outra cuestión que cada vez aturo menos son os que falan mal (moi mal) durante anos e non teñen un mínimo de vergoña por elo, e non fan máis que confundir ós novos (a ós non tan novos). Non podo comprender a xente que se pon a falar galego mal e bota anos falando español con palabras en galego.
Exemplos:
Temos ós que empregan o «i» no cato do «e».
Os que poñen os pronomes mal (durante anos, sen preocuparse por corrixilo), estes non fan máis que amolar a lingua. Imaxina a alguén falando en español así: «Oye, el otro día dígele a Manuel que Juanito contole a María que aprendío a hablar castellano en 2 días…» O exemplo non ten sentido pero espero que se entenda o que quero explicar, todos comentemos erros ó aprender unha lingua pero botar anos falando así… tan dificil é meter na cabeza que en galego non comezan frases con pronome «Me contó..». –> «Contoiume…».
O peor que é a situación vai a peor, e non vexo que se vaia inverter a tendencia (aquí temos outro caso de -cia en lugar de -za, se a fala estivera normalizada non sería tanto problema pero a fala esta moi doente).
Pensar no tema dáme moita pena.
Pon a eses nenos a le-lo conto en voz alta, e lerán como tendemos a ler a maioría. Xa verás como cando lean “ao” vanche a pronunciar “ao” e non “ó”, e o mesmo coa 2da forma do artigo, e outras. Certo que logo, nunha conversa normal non o van a facer… ou iso agardo… crucémo-los dedos. Miña cativa empezou na escola con 3 anos falando so Galego. Nunca lle falamos en castelán. Mais cando está a ler en voz alta téñoa que corrixir. Douche a razón en que un aprende a falar polo que escoita maiormente pero tamén, pouco a pouco, polo que se le. E é aquí onde eu non estou dacordo nesta última recomendación de afastar a escritura da fala. Hai unha forma que se achega á fala e outra que se alonxa e escollemos esta última? Inverosímil.
Por certo, en Iberoamérica o seseo non se perde, pero o dialecto andaluz sí que está perdendo pouco a pouco. É a radio e a Televisión a principal protagonista disto. Son estes instrumentos os que dan uniformidade a tan amplo número de falantes. Nas radios e televisións iberoamericanas si sesean, isto axuda a mantelo así. Teño entendido que antes da chegada da radio, o español non era tan uniforme.
Nós tiñamos que ter máis prensa, radio e TV en galego… O canal Clan, Dysney, etc… Fan estragos nos cativos galegos.
Que o estándar difumina as variantes é unha unha conclusión que está por verificar; levamos demasiado pouco tempo con televisión en todos os fogares. No caso do galego, o problema é que hai pouco onde escoitalo, como ben dis. A proporción entre galego e castelán é ridícula para o idioma propio. Graciñas por comentar. Apertas.
Penso que levan anos reclamando que se transmitan no territorio galego as canles de radio e televisión portuguesas. Isto axudaría a baixala (ou baixa-la? Que regra o di? Por que?) hexemonía do castelán e beneficiaría ao galego.
Mais, malia que o portugués é unha achegada ao galego (e pra algúns, a mesma língua), os meios de comunicación portugueses están dominados polo dialecto lisboeta. E o dialecto lisboeta é un dos máis afastados con respeito ao galego. Algúns sotaques brasileiros e do norte de Portugal son doadamente comprensíbeis pros galegos; mais a dificuldade de Lisboa é ben maior. É certo que, segundo ao meu criterio, en unha semana ou un mes (como moito) xa estariamos afeitos a ese sotaque e os entenderíamos sen problema, mais… correríase o risco de que se perda o sotaque galego. Xa en Portugal, por mor dos meios de comunicación, os sotaques están uniformándose… en algúns. O mesmo pasa na Galiza. Algúns cativos falan co sotaque castelán por culpa da televisión, da radio, dos filmes e dos videoxogos casteláns, mais tamén é debido a que están a medrar nun ambiente pouco galegofalente. Con que os teus pais e o 90% da xente ao teu redor fale o galego de toda a vida, ti tamén adquiriralo sotaque galego. Polo tanto, sería un problema que se podería resolver CON VONTADE.
Respeito ao debate de fala e escrita, hai outra característica que se está perdendo. E que xa estaba grafado así dende 1981. Trátase dos “de auga”, de ouro”, “en Aragón” “de España”… En principio, haberia que pronunciar “d´auga”, “d´ouro”, n´Aragón”, “d´España”. Si que se manteñen en contadas verbas, coma dacordo, daló, dacó… Mais, xeralmente, quen pronuncia así; tamén escribe esas palabras dese xeito.
Polo tanto, César, quero que respondas nun comentario ou fagas un artigo de se hai algunha regra na segunda forma do artigo (Tódolos? Baixa-la? Por que non baixala se é tódolos? Por que non tódo-los, se é baixa-la?), dos meios de comunicación portugueses e a súa recepción na Galiza e do apóstrofo ou se os galegos pronuncian (hoxe en día) “de ouro” ou d´ouro.
Sempre a favor da segunda forma do artigo. A reforma é completamente absurda, ilóxica, incomprensible, e outros calificativos que non poño.
É dicir, que se quita da escrita pero a pronunciación ven sendo a mesma, o que implica que temos entón unha pronunciación figurada, o que é unha complicación innecesaria.
Por outro lado, quen aprenda o galego a partires desta reforma vai tender a pronunciar igual que se escribe, polo que se tende a perde-la segunda forma. E claro, acabará pasando que como poucos pronunciaran a segunda forma, daquela acabarán por quitala.
Isto é de xente que fai cousas porque dalgún xeito ten que xustifica-lo seu soldo.
Digo eu: a escrita inventouse despois da lingua falada, ergo é máis lóxico ter unha escrita próxima ó que se fala, e non ó revés.
Por outro lado hai que ser consciente da cantidade de neofalantes que temos, e da cantidade de nenos que aprenden o galego nos libros e non na casa. A eles vailles resulta moito máis dificil aprender eses rasgos de pronuncia se non os ven escritos, e mentras, ós falantes nativos cada vez lles resulta máis dificil identificarse co galego normativo.
Aínda hai pouco tempo estiven de profesor de pronuncia de galego para actores portugueses nunha coprodución Galicia-Portugal. A segunda forma do artigo sería de grande axuda porque así ao ler un texto non habería dúbida de como pronuncialo.
Oxalá os da RAG recapacitasen nisto e máis na preferencia de «ao» ultimamente xa o teño visto incluso separado (Ex.: Carne a o caldeiro). E na pronuncia xa é habitual escoitar literalmente a-o no canto de ó.
Se non se fai nada isto vai perderse (supoño que é o obxectivo, non atopo outra explicación) xunto co uso oral da segunda forma do artigo.
Aquí unha de come-lo caldo e bebe-lo viño. Saúdos