Frotar e fretar
Preparádevos para unha ensalada de significados semellantes, entre a sinonimia e a polisemia porque os verbos fretar e frotar son ben atravesados en galego.
Frotar en galego só podería usarse co sentido de ‘manterse un corpo sobre a superficie dun líquido’. Pero a normativa léxica só admite a forma fr- no substantivo frota (conxunto de buques) e recomenda flotar para a forma verbal. Para o lingüista Benigno Fernández Salgado é unha equivocación non manter “unida” a familia léxica. Eu non estou demasiado de acordo e opto pola distinción que recolle o VOLG.
Para quen queira escapar de tal barullo, recomendo o sinónimo aboiar, que ten como derivado a palabra boia.
É un castelanismo dicir frotar no sentido de ‘pasar a man sobre unha cousa facendo presión varias veces’. O correcto en galego é fregar ou fretar. Curiosamente, o frotar castelán e o fretar galego proceden do mesmo verbo latino, frictare. Mais o castelán tomouno recentemente do francés; en cambio no galego é unha forma patrimonial usada desde antigo.
Outros sinónimos son friccionar ou esfregar.
Dar unhas fretas ou unhas fregas pode usarse como sinónimo de dar unha masaxe, palabra moito máis moderna no noso idioma.
Eu teño oido “cofar” que é o que fan os gatos coas esquiñas, por exemplo… supoño que é outro sinónimo
Cofar pode significar alouminar ou pasar a man suavemente por algo: “cofou o cabelo” ou refregar, como dis. Graciñas por comentar