Horquillas
Como se chaman esas pequeniñas pezas, normalmente de metal, que se utilizan para suxeitar o cabelo? O nome máis usual é o de horquillas. Incluso os galegofalantes pensarán instintivamente nese termo aínda que todos nos dámos conta de que é un castelanismo.
O substantivo acaído para denominar ese útil invento é prendedor, palabra que se usa para referirse a outras cousas que axudan a suxeitar ou unir, caso de roupas, por exemplo. A rapaza levaba dous prendedores no pelo, e non dúas horquillas.
Con todo, a palabra horquilla (que provén de horca) aínda se escoita –ben pouco, afortunadamente– en referencia á ferramenta de dous ou máis dentes, en forma de garfo, que se usa para apañar palla, esterco e outros materiais. En galego existen varias denominacións válidas para este instrumento, todas procedentes de forca: forquita, forquilla, forqueta ou forcada. Pero tamén se chaman galleta e galleto (unha galleta pequena) por mor de que cada unha das pugas que ten a ferramenta se chaman gallos ou gallas.
Cómo nos referimos (por exemplo,en mecánica) cando o encaixe entre varias pezas ten “horgura” (holgura. Viva o rotacismo 🙂 ou “horquilla”?
Na miña terra o nome da forcada varía case por cada casa: no meu pobo, na miña casa chamámoslle forcada/ forquita; a miña veciña, ghalleta; o meu veciño, ghancheta; outros chámanlle ghincha…
Graciñas Xabier pola túa consulta. Tiven que darlles ás meninxes un tanto 🙂
O máis acaído para o que dis é largura, palabra viva en portugués e que ten a ver co significado tradicional da palabra largo en galego: espléndido, xeneroso ou amplo, espazoso. Polo tanto, para “horgura”, largura, só mudan dúas letras.
A riqueza léxica é un patrimonio que non debemos perder. Certo que na lingua estándar hai que tomar escollas e simplificar pero deberiamos presumir desa gran capacidade de nomear que temos. Que unha ferramenta tan común teña tantos nomes indica que o país é imaxinativo e fértil