Segredo e secreto
Aínda procedentes da mesma palabra latina, secretum, no galego segredo e secreto tiveron diverxentes viaxes no tempo. A forma máis modelada pola historia, segredo, utilizarémola cando falemos dun substantivo: “O avó tiña un segredo que o atormentaba”. O hiperenxebrismo provocou que segredo se use ás veces tamén cando a palabra é un adxectivo: “O axente segredo, de Joseph Conrad”. É incorrecto. Nese caso utilizaremos o cultismo secreto/secreta.
Tamén son cultismos os derivados secretaria/secretario e secretaría. Tamén secretariado e secretismo.
O verbo secretar (no sentido de saír das glándulas materias producidas por elas mesmas que o organismo utiliza para algunha función) é incorrecto en galego, por ser castelanismo, á súa vez procedente do francés. Débese utilizar en todos os casos segregar.
Boas!
Entón, ao falar dun documento clasificado “top secret”, sería “alto secreto” ou “alto segredo”?
Bo día. Ao considerarmos que nesa fórmula, alto é adxectivo, o que o acompaña é substantivo, polo tanto, segredo. Outra cousa é se usamos a fórmula altamente secreto, onde deducimos que o substantivo en elipse é documento e polo tanto, secreto é adxectivo.