Hacinadas
Chamoume a atención verlle escrito a unha boa amiga cun excelente galego a palabra hacinadas. Coidaba eu que era un castelanismo evidente e que o seu uso entre os galego-escribentes era ben exiguo. Pois non. Logo de facer algunhas consultas, decidinme a aclarar que esta palabra e calquera dos seus derivados agalegados: hacinamento, hacinar… pertencen exclusivamente ao castelán e son innecesarios na nosa lingua.
Hacinar procede da palabra castelá haz (en galego feixe) e é preferible empregar outros verbos para referirnos á acumulación de cousas ou persoas. Amais do verbo acumular, son apropiados os verbos amorear, amontoar, aglomerar, apiñar ou axuntar.
Particularmente, coido que apiñar é o verbo máis acaído para cando falamos de concentración de persoas ou animais nun cativo espazo. “As galiñas estaban apiñadas na granxa”. “Os pasaxeiros do tren apiñábanse nos vagóns”.
Aínda que non está recollido no dicionario da RAE, penso que hacinar no seu uso máis habitual ten un certo matiz pexorativo, quizais derivado do seu uso habitual nas novas sobre tráfico ilegal de persoas, e as traducións propostas non conseguen o mesmo efecto, na miña opinión.
Penso noutras opcións posibles, como abarrotar ou acugular, que quizais si teñan ese matiz máis pexorativo… aínda que tampouco estou convencido.
Por último, o digalego propón amarrotar, que sería a palabra máis próxima a hacinar desde o punto de vista etimolóxico, e que, se ben non está extendida (polo menos no meu ámbito xeográfico), si pode ser un termo interesante, aínda que a metáfora desde o uso literal non teña que ser compartida, necesariamente, en galego e en castelán.
Mil grazas, Luís, polo teu comentario. Non coñecía a palabra amarrotar. Sempre é bo apostar pola diversidade léxica. Cantas máis palabras conservemos do galego, moito mellor
estou aprendendo moito dende que me suscribín ao teu blog.
grazas!
Graciñas a ti por seguir o blog. Se tes algunha dúbida, non dubides en preguntar. Apertas
Un feixe de luz.
“Feixe” pódese traducir ao castelán como “haz”, “un lote” ou “un montón”.
Un montón de dinero o un lote de sardinas.
Un feixe de cartos ou un feixe de sardiñas.
Haz luminoso.
Feixe luminoso.