Xoanete
O galego admite este substantivo para definir a deformación da primeira falanxe do dedo gordo do pé, na unión co primeiro óso do metatarso. É a adaptación do castelán juanete, seguindo o exemplo do portugués, que escribe joanete.
Alén de ser un termo moi utilizado na lingua médica, especialmente por profesionais da Podoloxía, a etimoloxía da palabra dá moito de si. Afirma a Academia Española que juanete vén do nome de pía Juan, que como era moi frecuente entre as xentes da aldea, acabou valendo para definir unha doenza que era máis común entre xentes da aldea, que os académicos prefiren definir como rústicos, para non pareceren clasistas.
A lingua é o vertedoiro de todas as inxustizas e preconceptos sociais. Velaí este caso. Como o xoanete non era unha enfermidade fina, que mellor que definilo co nome por antonomasia dos “rústicos”. Na realidade, a doenza afectou tanto a pobres coma a ricos, tanto a rurais coma a urbanos.
No caso galego, Xan tamén tiña na fala tradicional un compoñente despectivo. Ser un xan equivalía a ser un coitado e cando alguén viña sendo un ninguén chamábanlle Xan. Hoxe en día, o nome de pía Xan é dos máis escasos dos nosos censos e pode contar o meu amigo Xan Carballa un cento de anécdotas con este nome que pasou de ser común a ser exótico na propia terra. Algúns chámanlle Sean, outros San e Santi, os máis esforzados, Ksan e xa houbo quen lle preguntou na propia Galicia se o seu nome era estranxeiro. A min é un nome que me encanta.
A maldición do nome Xan/Xoán/Juan vaiche máis alá. Nos EUA, as persoas que se atopan sen identificar póñenlles John (Xoán) Doe e un dos reis máis odiados de Inglaterra era o coitado de Xoán sen Terra, que levou con pouca fortuna ser irmán de Ricardo Corazón de León (notade o cambio no alcume) e fillo da magnética Leonor de Aquitania, alcumada a Loba.