Mais
Hai catro formas gramaticais que se escriben igual en galego. Máis, así con acento diacrítico, é un adverbio de cantidade. “Os vascos son máis altos ca os galegos”. Tamén se grafa con acento no a cando é unha preposición e cando representa o signo aritmético da suma: “Cinco máis cinco son dez”.
Non leva acento mais cando é conxunción adversativa, sinónima de pero. “Eu fun ao castelo mais vós non estabades alí”. Hai que lembrar que para algúns lingüístas, caso de Xosé Ramón Freixeiro Mato, pero é un castelanismo que debe evitarse e, polo tanto, substituírse sempre por este mais.
Aínda hai unha cuarta forma na que mais se escribe sen acento. É a máis complicada. Cando aparece na frase na forma de conxunción copulativa acrecentando o significado da conxunción e. “A túa nai e mais a miña foron á praza”; “Coruxo e mais Montañeiros gañaron os seus partidos”. Tamén pode funcionar como conxunción autonóma. “Meu can mais teu gato están precisando un baño”. Velaquí a dificultade porque en aparencia podemos confundir ese mais copulativo cun máis sumatorio.
Penso que unha boa forma de lembrarse do último mais é que é o que oralmente contrae co artigo: Miña nai e mais a túa -> Pronunciado “Miña nai e maila túa”. Os demais na miña opinión non poden contraer.
Comparto ese truco. En efecto, é o único que pode e debe contraer na fala. Graciñas
Tamén pode na escrita.
Non é “til dicrítico” senón “acento diacrítico”. O til é este símbolo ~, mentres que os acentos gráficos son ´, ` e ^.
Definicións do dicionario da RAG:
Acento diacrítico: Signo ortográfico que se emprega para distinguir dúas palabras homógrafas, pero que se diferencian polo timbre, aberto ou pechado, ou porque unha palabra é tónica e outra átona.
Til: Signo ortográfico (~) que se pon enriba da letra ñ e, nalgunhas linguas como o portugués, enriba das vogais para marcar o seu carácter nasal. O galego moderno non ten til de nasalidade sobre as vogais.
Xa está corrixido. Grazas
Supoño que ese ljngüista dirá que “pero” é un castelanismo porque no portugués non existe “pero” (se non me trabuco), sempre usan “mais” no seu lugar, aínda que “mais” traduciríase ao castelán como “mas”, así que son formas moi parecidas.
Ademais, o português ten o arcaísmo “peró”.
Como sinónimos de pero, tamén existen “pro” e “peró”, ou non?
Na miña zona sempre ouvín “pero”, mais “Nas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego” da RAG, din que existen estas formas. Non sei en que sitio…
Ola, eu lembro unha coordinadora do EDLG da miña escola que empregaba “mais” ou “máis” (é o que non lembro, por iso entrei nesta páxina) como sinónimo de “demáis”. Ela era moi purista, polo que dou por feito que o contempla a “nova” normativa. Xa me diredes se me trabuco…
Un saúdo
Ola: O uso de os máis ou as máis no canto os demais ou as demais cando estes representan a maioría é válido. Non é cousa da nova normativa senón dun uso tradicional. “Eu son diferente aos máis”. Graciñas por ler o blog.