Inmiscirse
Corrixín un monte de veces a palabra inmiscuir ou incluso escrita á galega inmiscuír. É un deses castelanismos que chamo profundos porque nin sequera moitos docentes de galego o detectan e acaba incluso en publicacións.
A forma galega é inmiscir porque respecta o latín clásico inmiscere. O castelán e o portugués adoptaron o verbo dunha mestura dese verbo máis do seu pretérito, inmiscuit. O catalán, o francés e o italiano teñen formas semellantes a inmiscir.
En galego inmiscir só se refire ao significado de entremeterse ou facer participar a alguén nun asunto, especialmente cando non é requirida esa intervención. No sentido de inmiscuir castelán relativo a poñer unha substancia noutra, empregaremos o verbo mesturar.
É un verbo regular da terceira conxugación, con algunha dificultade porque flutúa o fonema -c- co fonema -z-: Eu inmíszome, eles inmíszanse, ti inmiszaríaste…
Hoxe, dando voltas ó chou, cheguei ata aquí, e teño que dicir que me encantou esta páxina. De feito, lin tódalas entradas, dende a primeira ata a última, polo de agora.
As ballenas dos paraugas, pavero, perrera… gustáronme moito esas entradas, porque falan de palabras sobre as que eu, algunha vez, estiven a cavilar.
Espero que continúes a escribir moitas máis entradas. Estarei expectante por lelas. E, se mo permites, unhas suxerencias, son un par de palabras sobre as que se me presentan dúbidas sobre cando usalas: quérote/quéroche e artellar/argallar.
X.
Mil grazas, Xesús. É bo saber que o que eu cavilo tamén lles serve a outros interesados polo idioma. Espero as túas queixas e suxestións. Saúdos