Ala Celta
Non vou dar conta aquí da miña gran ledicia polo ascenso do Celta. Alegría que é completa porque na tempada próxima Galicia terá os seus dous grandes equipos xogando na elite.
O fútbol triunfou socialmente porque lle dá un protagonismo enorme á afección. A xente séntese identificada por unhas cores e participa activamente dun espectáculo que non fica unicamente no céspede.
De aí tan importante o berro de alento, o lema que o seareiro (non siareiro; xa falaremos desta palabra noutra hora) escolle para defender e animar o equipo. Na Coruña triunfou o Forza Dépor, unha forma moi galega de quecer os branquiazuis e que empata co sentido portugués da palabra no contexto de dar uma força (unha axuda).
Na Galicia celeste é máis común dicir ala Celta, así, sen h, xa que hala é un castelanismo. Ala é unha interxección utilizada para infundir ánimos en calquera situación comprometida: “Ala, neniña, un pasiño máis e xa sobes ao alto da escaleira”. O seu uso no fútbol é común en todo o Estado e amais de no himno dos célticos está presente nos cánticos do Madrid, por exemplo.
Recordemos que o ala futbolístico ten moito a ver co allez francés, cun significado parello. Cando a selección francesa dominaba o mundo, as bancadas berraban “allez les bleus, allez les bleus”. Hoxe, que a gloria se pasea polos barrios e aldeas que respiran en azul ceo, a cantiga “ala Celta” resoa máis leda ca nunca.