Taquilla
Este castelanismo é polisémico e está completamente absorbido pola seiva da fala viva do galego. É deses termos resistentes á normalización porque a normativa galega non soubo dar unha alternativa que compita coas posibilidades de economía lingüística que a palabra castelá. Iniciamos hoxe unha serie para intentar adaptar á nosa lingua os usos deste estranxeirismo.
Por exemplo, para o significado de local de venda de entradas para espectáculos, a lingua estándar propón locucións como despacho de billetes, despacho de venda ou portelo de entradas. Demostrado está que as locucións substitutivas fracasan. Só hai que ver o éxito doutras propostas como salón de peiteado ou cadeira de brazos.
En portugués usan bilheteira, opción que podería ser interesante adaptar ao galego se non fose que a palabra bilhete en galego e en castelán non significan o mesmo para o groso dos falantes. Si é recomendable no caso do despacho de billetes para medios de locomoción. “Na estación de Arbo non hai billeteira”.
Propoño que neste caso se promova a palabra portelo, así sen engadidos. Non hai que esquecer que taquilla provén do persa taq (introducido no castelán polos árabes), que significa fiestra. Unha taquilla non é máis ca unha xanela pequena, o mesmo ca un portelo. “Se compras as entradas de cinema pola internet, saen máis caras que no portelo”.
Obrigado pelo trabalho deste blogue do que gosto muito. Mas permíteme polemizar um bocadinho no razonamento seguido neste post, que põe de manifesto uma conceição da língua, que me desagrada.
Para não utilisar bilheteira a justificação é “a palabra bilhete en galego e en castelán non significan o mesmo para o groso dos falantes”, primeiro que não comprendo o que significa iso e segundo, não comprendo que pinta o castelhano aquí; mas propõe-se portelo, que deve estar muito estendido entre os falantes. E ainda mais! A base do razonamento para utilisar portelo é a etimilogia do castelhano.
Concordo com defender os traços diferenciais, mas este tipo de inventos são desnecesários, na minha opinão. De aplicar um neologismo, não seria melhor converger com a forma internacional que acai bem na nossa língua?
Um cordial saúdo e desculpa se não che parece oportuno o comentário.
Graciñas polo comentario. O teu razoamento é plausible e non ten eiva que poñerlle. Dá gusto ter lectores coma ti, preocupados pola lingua e preocupados polo que escribimos os demais.
Billeteira é, como dis, un termo acaído. Só expresei no blog as miñas dúbidas sobre se é usual chamarlle billete a unha entrada de cinema, por exemplo.
Portelo é unha palabra galega, vella aínda que quizais algo abandonada. Por iso considerei oportuno darlle algo de vida a través dun novo significado máis actual.
Espero que sempre estea vivo o debate e o diálogo no blog porque a lingua medra coa seiva/saliva de todos.
E que facemos coa acepción de “taquilla” como armarios metálicos de dimensións reducidas onde se gardan obxectos persoais, material escolar, etc. Son elementos moi estendidos actualmente en todos os institutos, pero non sabemos como designalos. Grazas
Boa noite: Fixen un artigo específico sobre o tema. Graciñas polo interese. Apertas
https://dubidasdogalego.wordpress.com/2012/06/21/armario-con-chave/
Pingback: Taquilleira « Dúbidas do galego
Pingback: Tipo de interese | Dúbidas do galego
Eu pensaba que “salón de peiteado”, dicíase “perruquería” ou “perrucaría” e o que en castelán sería unha “peluquera”, en galego sería unha “perruqueira”. Por certo, non sabía que seiva significaba saliva, xa que no dicionario dixital da RAG non aparece, eu pensaba que se dicía o cuspe.
Eu teño unha dúbida : na RAG aparece que hai que dicir cantastes, andastes, estivestes… Ben, pois eu sempre digo cantáchedes, andáchedes, estivéchedes… Non sei de onde ben iso, e gustaríame se está ben dito ou un castelanismo, dialectismo… Se é o segundo, está claro que tería que correxilo, aínda que a min gústanme esas formas (as segundas).
Despois, eu sempre digo atrais e detrais, iso si, sempre escribo atrás e detrás. Non sei se é unha forma dialectal ou unha tendencia evolutiva, xa que como se di ademais e demais, supoño que (polo menos, eu) teño certa tendencia a levar esa terminación máis alá. Non sei canto de estendido está as formas atrais e detrais, mais se está moi estendido e se segue estendendo, a escrita tería que adaptarse ao oral, xa que ten que ser así e non ao revés. Non sei se nos sitios onde viviches tamén pasa iso, poderías facer un artigo un artigo sobre esas formas (atrais e detrais) e así xa me queda claro a ver que con esas formas?
Tamén creo que terías que tomar nota de facer un artigo sobre cantastes e cantáchedes, non sei se é unha teima miña ou é que está moi espallado, de ser o segundo, non sei se está moi espallado ou pouco. Por certo, gustaríame saber se nos sitios onde viviches, tamén pasa iso ou non.
Escribindo viviches, descateime de onde vén cantáchedes, andáchedes, vivíchedes…, vén da segunda persoa do singular (ti) do pretérito, e claro, como vós é o plural de ti e como se está falando no mesmo tempo, de aí vén vivíchedes, cantáchedes, andáchedes, estivéchedes…
En calquera caso, estaría ben que fixeras un artigo sobre iso, pra que o saiban todos.
Polo que pon o dicionario, pódese usar “portelo”, así sen engadidos, pra substituír a palabra castelá “taquilla”. Pregunteille á RAG sobre iso e dixeron :
– A opción que aparece no dicionario é simplemente “portelo”. Pode que nalgún caso se precise concretar engadindo “das entradas”, mais naqueles contextos onde non se necesita prá correcta e completa compresión do enunciado é suficiente utilizar “portelo”.
Iso foi o que me dixeron no Seminario de Lexicografía, cando lles mandei a suxestión no apartado que pon no dicionario da RAG, practicamente iso foi o que puxeron. Son moi rápidos, da igual a que hora lle mandes a suxestión, tardan pouco en mandarche a resposta (dende 30 minutos a 1 día), iso si, a fin de semana non contestan, así que se lle mandas unha suxestión á RAG na fin de semana, non che contestan ata a segunda feira.
E como sería, no galego, a “taquilla” dos institutos, piscinas…?
Que proporiades para falar de “taquilla inversa”?
Ola, Natalia: Que é unha taquilla inversa?