Dúbidas do galego

Just another WordPress.com site

Melocotóns e peladillos

Sempre recordarei unha saída da miña avoa Carme hai anos, cando eu era adolescente e decidira falar sempre en galego. Viña a muller cargada do coche da froita, que en Cequeliños pasaba cada venres ao serán. Pousou as bolsas transparentes na mesa da cociña e empezou a abrilas ofrecendo o que comprara: “Hai plátanos, hai mazás, hai peras, hai melocotóns…” Eu, que estudara no instituto que en galego os melocotóns eran pexegos, retruquei con insolencia: “Pexegos, avoa, pexegos”. “Non”, respondeume ela. “Pexegos son os que nacen aí na árbore da porta da casa. Isto son melocotóns”.

O caso é que en efecto melocotón é unha palabra admitida no VOLG (a definición que dá a Academia non aclara se consideran o melocotón unha froita distinta ao pexego pero si recolle dúas árbores distintas: melocotoeiro e pexegueiro). O caso é que todas as referencias botánicas que consultei falan dunha única especie arbórea: a prunus persica, que dá persicos, palabra latina que pasou ao galego como pexego.

Iso non significa nada porque a mesma árbore dá diferentes variedades do froito e o melocotón podería definir unha desas variedades pero a pregunta é: como diferencia a RAG un melocotón dun pexego? Para o lingüista Benigno Fernández Salgado melocotón é castelanismo e debe proscribirse. O portugués, que mantén no dicionario melocotão, na realidade xeneralizou o uso de pêssego, especialmente no que se vende en almibre en lata. Mais curiosamente, para o Dicionario da Academia Galega o que vén enlatado é melocotón (só hai que ver a frase de exemplo que acompaña a definición).

A miña opinión empata co que vos contaba da miña avoa Carme: melocotón é a froita que se compra; pexego a que se recolle. Igual que na nosa casa unha vasoira se fai con carqueixas e a escoba é a que ten cerdas plásticas. Para o rexistro moderno, formal, o galego prescinde das formas patrimoniais e acode ao castelán, que é a verdadeira lingua estándar para gran parte da poboación. Melocotón é un castelanismo e deberiamos xeneralizar o uso de pexego, tamén cando falemos dos que se conservan en caldo doce.

Curmán do pexego é a pavía. Estas semanas levo comido unha farta desta drupa carnosa cuxa principal diferenza cos pexegos é, alén do sabor, que non larga a carabuña. É por iso que a miña avoa Carme (si, hoxe falo moito dela que ben o merece) recomenda comelas axudados dunha navalliña, non coma os pexegos, que presta máis abrilos polo medio coas dúas mans e tirarlles o carozo antes de papalos.

Outras dúas froitas son variedades dese primixenio persico (o nome vén porque a árbore foi introducida en Europa polos persas): paraguaios e nectarinas.

Os paraguaios teñen un sabor e textura semellantes ao das pavías. É por iso que na miña casa sempre se coñeceron por ese nome aínda que a súa forma é diferente, achatada en troques de esférica. Do meu punto de vista, deberíaselles chamar pavías paraguaias.

As nectarinas son unha variedade máis moderna. Non teñen pelusa e a carne adoita ser branca. En Galicia nalgunhas zonas está máis estendido o nome de peladillos. O VOLG non recolle ningunha das dúas palabras. Como quere a Academia que lle chamemos a este froito? Haberá que esperar dez ou 20 anos para que se decida. Entrementres podemos tomar en conta a opinión do Dicionario Estraviz, que recolle a palabra nectarina como neoloxismo procedente do francés. En Portugal tamén se usa aínda que a min faime moita máis graza a denominación de pêssego-careca. Nectarina sería a forma recomendada, polo tanto, fronte ao castelán peladillo.

Neste inicio do outono aproveitade para desfrutar de pavías e pexegos, a ser posible da casa, que en pouco tempo deixarán de alegrarnos o padal coma doces epílogos do estío.

Advertisements

Single Post Navigation

15 reflexións sobre “Melocotóns e peladillos

  1. Dúas consideracións sobre esta entrada (que devorei con moito gusto, teño q dicir!)
    A) Nunca reparei neso de “decidira falar sempre en galego”… será porque nunca o decidín, nunca fun realmente “bilingüe” como para escoller entre varias linguas
    B) O exemplo “vasoira – escoba” atópoo no meu pobo moi frecuentemente aplicado á anatomía dos animais e a do noso corpo: é moi habitual entre a xente maior (ben, cada vez menos habitual, mal que me pese) escoitar falar do beizos dunha vaca, pero os labios dunha persoa; así mesmo pasa cos “nudillos-cotovelos”, “tobillos-artegos/artellos”… cousas da matanza na casa

    • Graciñas polo comentario.

      Eu falei durante a infancia en castelán, que era o que se falaba maioritariamente entre a rapazada de Torneiros, no Porriño. Ao chegar a Vigo a cousa non mudou. E si, eu decidín falar sempre en galego na adolescencia, con 15-16 anos. Por sorte canda min se fixeron monolingües varios amigos meus porque a soidade do mozo galegofalante en Vigo pode ser matadora.

      • Tiven que ir ao dicionario para saber que era iso de “largar a caraguña”. De todos os resultados que dá o Ir indo (caguña, caroa, coia, croia, garouba, gouña, pedra) só coñecía a derradeira. Moito nos queda por aprender.

        Eu tamén aproveitei o cambio de compañeiros, cando fun ao Instituto para o 1º BUP, para comezar a falar galego con todo o mundo. Disque Santiago era diferente, non sei agora se se pode dicir o mesmo…

        Malia a que non teñades culpa ningunha, permitídeme patexar contra palabras coma cuxo (viviamos ben sen ela, -con permiso dos xatos-cuxos-cuchos, claro está-, non sei porque houbo que “inventala” a estas alturas para poder empregar xiros como os do castelán se xa nos apañabamos); tamén me amola o de desfrutar (tanto corrixir á rapazada con que era gozar, que desfrutar era un castelanismo e agora admítena). En fin, todos os nosos problemas sexan eses.

        Parabéns coma sempre.

      • Manolo: Graciñas por comentar. En realidade, desfrutar non se admite nas normas da RAG. A min paréceme un verbo necesario, tal e como explico aquí: https://dubidasdogalego.wordpress.com/2012/04/24/desfrutar/

      • Como tiña idea de que xa estabas legalizado, funo comprobar e, efectivamente, no dicionario da RAG aparece desfrutar: http://www.realacademiagalega.org/dicionario#searchNoun.do?nounTitle=desfrutar

        Que o desfrutes logo 😉

      • Pois acabo de comprobar de novo o VOLG (en papel, non na internet) e alí si que aparece como non admitido no galego estándar. Alégrome de que si se permita. Graciñas

  2. Parabéns pola entrada. Ai! o arrecendo das pavías…

  3. Que curioso! Miña nai tamén distingue entre “pexeghos” e “melocotós” pero segundo ela os segundos son os que veñen en lata! 😀

  4. Suso de Ver o dixo:

    Xa non é a primeira vez que leo esta entrada. Por enredar, direi que, de pequeno, eu si facía a diferencia entre pavía e pexego ao que eu lle chamaba préixego (con tanto aprender idioma case o arredo da miña fala). E, certamente, os melocotóns só os viamos en lata. Por cetrto, sobremesa esta que en certo lugar (Peña Troglodita de Vigo nos anos 70-80) tiñamos prohibida, por ser tipicamente “franquista”.

  5. Boas, desfrutei moito con esta entrada que atopei en Google pola palabra peladillo. Son da zona da Ulla-Compostela, pero levo vivindo en Madrid uns 12 anos, así que xa tiven tempo de me decatar de que moitas palabras que daba por castelanismos mesetarios teñen que ter outra orixe porque por aquí non se estilan (e de feito miran moi raro a quen os utiliza). Un exemplo é pocillo (que ao parecer ten orixe sudamericana), e outro é peladillo, que coidaba que podería ter unha orixe similar, pero non ten moito sentido sendo un froito que veu de Irán. O que podo dicir é que aínda non atopei a unha persoa non galega que diga “peladillo”, polo que sigo dubidando da súa orixe aínda que o sufixo nolo queira deixar bastante claro… Un saúdo!

    • Graciñas, Eloi, por comentar. O misterio do peladillo haberémolo resolver 🙂 Ás veces hai palabras que nacen nun idioma, conseguen exportarse a outros e logo desaparecen na lingua orixinal. Pode que esta sexa unha delas. Apertas

  6. Cando eu era catívo, o meu pai tiña na horta arbores de todas as clases e o menos cinco tipos distintos de froitas do tipo do que ti falas. Tiñamos pavias, que eran as de carne branca pegada o carozo; melocotons, de carne amarela; nectarinas, de carne amarela e pel lisa sen pelo; peladillos de carne branca e pel sin pelo e pexegos que era o que saía das arbores silvestres, sen inxertar (e o tamaño, textura e sabor podía cambiar moitisimo duns a outros, supoño que dependendo entre outras cousas da variadade da arbore de onde saise a semilla) e penso que ases eran os nomes que usaba todo o mundo alí.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: