Enaxenación
É unha adaptación á fonética galega do castelán enajenación. Tecnicamente estas palabras chámanse pseudogaleguismos ou castrapismos e son perigosos porque dan a sensación de ser palabras nosas (o x marca moito a orixe galaica) cando en realidade son termos que debemos descartar.
O termo propio da nosa lingua é alleamento, do verbo allear. Allear (e non enaxenar) úsase para definir o acto de transferir por doazón, legado, venda ou cesión (unha propiedade, un dereito, un ben etc.) a outra persoa. Mais tamén ten outro significado, que non aparecen no dicionario da RAG: Actuar fóra de si (alleamento mental). O derivado sería alleado, non enaxenado. Neste caso tamén podemos usar perturbado.