Dúbidas do galego

Just another WordPress.com site

Morgadío

Este verán comprobei con desagrado que moitas palabras galegas de uso habitual en Cequeliños, A Maraña, Xinzo, Vigo, Ourense, Santiago, Castelaus ou Lobás (o mapa do territorio xeográfico que agora ou no pasado tripei) non aparecen no dicionario da Academia. É dicir, son termos desterrados da lingua estándar, colocados en risco de extinción xunto con outros milleiros por unha decisión de economizar espazo.

Que o léxico de determinadas zonas se perda porque a Academia considera estas palabras dialectalismos paréceme un luxo que non nos podemos permitir. Non hai escusas nun momento no que os dicionarios escaparon dos límites do papel e no formato electrónico poden agrandarse e agrandarse sen ningún problema loxístico.

As palabras merecen gravarse na inmortalidade dos dicionarios para non desapareceren. É un patrimonio noso, un mosaico de formas que foron útiles, que serviron para comunicar, para contar, para definir. Quen pode decidir que non son estándares? Por que si o son outras que eran tamén locais ou incluso pouco apreciadas até que a literatura ou o xornalismo lles deu unha coiraza?

Como este lugar non é para queixarse senón para propor solucións prácticas en caso de dúbida, de cando en vez irei colocando palabras que usa a miña xente próxima e que non veñen nos dicionarios. Outras veces rescatarei termos que están na toponimia, que están no portugués e noutros dicionarios que van máis alá da lingua estándar. Eis o que fago hoxe con morgadío.

En Albeos, concello de Crecente, a dous pasos de Cequeliños, hai unha adega de viño da DO Rías Baixas que se chama O Morgadío. O nome tomouno dunha leira con viñas de igual nome. Segundo o Dicionario Estraviz, un morgadío é o conxunto de bens que recibe o morgado, é dicir, o herdeiro único dos bens dunha familia.

O sistema de morgadío implantouse a finais da Idade Media para garantir que o patrimonio en terras dos fidalgos non se perdese na repartición entre os herdeiros. Na zona de Crecente hai moitas casas fidalgas que de seguro tiveron morgados. Este terreo que agora lle dá nome a unha adega seguramente era a parte máis prezada do patrimonio territorial dunha destas familias.

Advertisements

Single Post Navigation

4 reflexións sobre “Morgadío

  1. Unha pregunta que che quería facer hai tempo, César: na terra onde me criei chámaselle tangue/tanghe a un recipiente de latón para beber, con asa. Teño mirado en moitos dicionarios e nunca o atopei, o máis parecido é tanque. Ti telo oído algunha vez? Graciñas!

  2. Ola, Xesús:

    Até lercho a ti coñecía tangue polas novelas de Darío Xohán Cabana, que usa moito esta palabra. Tamén lle gusta a Anxo Angueira.

    É unha sorte que a palabra siga viva e debes seguir a usala. Para ese recipiente o galego ten moitos nomes. Ademais de tangue e tanque, chámaselle ferrada, cacharolo, caneco ou tarro (que é como o nomeamos en Cequeliños).

    Non aparece no dicionario da Real Academia, deduzo por interpretar a palabra como dialectalismo (se les este blog saberás que aborrezo o termo dialectalismo) ou por considerar demasiado vulgar a evolución de tanque a tangue. Ese cambio de que a gue é común no galego-portugués (rescate-resgate, por exemplo).

    Si aparece no dicionario Estraviz, o que volve demostrar a gran sabedoría dese investigador xa que é unha palabra absolutamente galega, inexistente no portugués ou no castelán.

    Parece ser que tangue provén dun céltico tanko, que viña significar amarrado, suxeito. De aí estanque, estancar, estanco e claro está tanque. Un tancado é a medida de líquida que cabe nun tanque e o verbo centroamericano tancar significa deter unha hemorraxia.

    Non sei de que zona es pero chámame a atención que digades tangue. En moitas zonas a gheada logo de sílaba rematada en n é parcial. Por exemplo, en Cequeliños dicimos enghanar pero angazo, cangalla ou peringallo. Se te oen falar ás beiras do miño dicindo tanghe vailles renxer nos oídos 🙂

    Graciñas por comentar e seguir este blog. Unha aperta

    • Eu teño unha pergunta: Quen é a RAG pra decidir que termos son válidos e cais son dialectalismos?
      Por exemplo, nos dicionarios portugueses incorporan todo o léxico que poden; independentemente de que só sexa usada nunha zona. Cando iso ocorre, poñen unha etiqueta pra marcalo. Por exemplo: [Regionalismo], [Brasil], [Portugal], [Minho], [Madeira], [Macau], [Angola], [Beira], [Moçambique]…
      Por que a RAG non fai unha cousa similar e deixa de ser tan proscritivo? Ti sabe-la cantidade de supostos dialectalismos que usou a Rosalía de Castro?
      Conclusión: Eu penso que, tanto os dialectalismos coma os arcaísmos, son recursos perfeitamente lídimos e que poden aumenta-la riqueza léxica dun texto.
      PD: Bótalle un xis ao blogue de “Debullando a fala” (https://debullandoafala.blogspot.com.es/)

  3. Graciñas a ti pola extensa explicación. 🙂

    Nacín preto de Santiago.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: