Acequia
Unha acequia é unha canle construída para conducir auga. Esta palabra non está admitida pola lingua estándar. Tecnicamente é un arabismo incorrecto, supoño, e non un castelanismo, pois é común ao portugués.
Na práctica, acequia debería admitirse. Á parte de aparecer nos prestixiosos dicionarios Estraviz e Eladio, como dixemos existe no portugués e hai testemuño de que se empregaba durante a Idade Media, tanto na versión plena acequia como na máis evoluída cequia: “Aquesta menynna foi a bever / ena cequia, e dentro caer / foi”, dise nas Cantigas de Santa María, (século XIII) de Afonso X de Borgoña, rei de Castela, Galicia e León, Sevilla, Toledo…
A palabra acequia tamén tivo incidencia na toponimia. Segundo Gonzalo Navaza, o meu Cequeliños podería provir dun primitivo cequios que recibiu dous diminutivos -elos e -iños.
Por que, daquela, proscribir esta palabra na nosa lingua? Eu recomendo usala e engadila ao amplo campo léxico que as canles teñen en galego: cal, caneiro, acueduto, calexa, caldeira, levada, quenlla, canal, birta, regadoira…
Como lle chamas ti aos canos da auga?
Eu chámolle birtas, que sempre pensei, non sei por qué, que se escribía con v.
na miña aldea á auga que chega ás casas, chámanlle traída. á que vai polas canles de rego, regos, birtas, regueiros, depende do caudal.
Grazas por comentar
Chego aquí precisamente a partir do recente comentario no teu Instagram sobre o topónimo. Supoño que unha derivación de ‘acequia’ é a palabra ‘acea’, esta si recollida no DRAG.
Sempre defendín este dicionario das críticas dos “lusistas” mais ultimamente estou bastante decepcionado con algunhas escollas léxicas, especialmente por ausencias, como esta que comentas nesta entrada. Creo que é demasiado restrito por rexeitar palabras de uso corrente e tradicional recollidas noutros dicionarios anteriores que non poden considerarse castelanismos nin portuguesismos. Gustaríame poñer algúns exemplos pero agora non dou cadra de ningún…