Dúbidas do galego

Orina

O uso de orina xeneralizouse socialmente grazas á sanidade pública e á habituación social a facer análises clínicas. Orina é un castelanismo que goza de boa saúde grazas á debilidade que a nosa lingua ten no campo semántico da medicina. A pesar de depender a saúde da Xunta de Galicia e ao bo labor dalgúns profesionais que desenvolveron ferramentas para galeguizar os termos propios da súa actividade, aínda non se realizou un proceso de normalización global no que se impliquen todos os elementos dun sistema tan valioso para mellorar a visibilidade e o prestixio do idioma. A propia Xunta ponlle atrancos a esa posibilidade ao menosprezar a competencia en lingua galega que deben acreditar os profesionais, esquecendo, coma noutras moitas áreas, que para que o diagnóstico e o tratamento sexan útiles, o facultativo debe coñecer como se expresan os seus pacientes. Sen saber galego mal saberán que lles quere dicir a persoa que teñen sentada na consulta.

En galego orina débese substituír por ouriños. “Voulle mandar facer unha análise de sangue e outra de ouriños”. Ouriños en galego é unha palabra patrimonial, usada non só no contexto médico senón tamén noutros rexistros máis informais cabo de mexo, hoxe en día a forma máis usada e coñecida.

Algúns lingüistas, caso de Benigno Fernández, recomendan utilizar a palabra portuguesa urina cando queremos usar un rexistro máis formal no que as palabras relacionadas coas funcións corporais sempre dan máis apuro. “Os índices de sodio que o paciente presentaba na urina eran moi baixos”.

Single Post Navigation

Unha reflexión sobre “Orina

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: