Dúbidas do galego

Just another WordPress.com site

Castaño e marrón

O meu amigo Manuel Veiga regaloume o libro que Carlos Callón escribiu para mellorar a competencia na fala e na escrita da nosa lingua. O volume ten cousas interesantes, especialmente os consellos para falarmos o idioma de noso con autoestima e superando preconceptos.

Unha gran parte da obra está dedicada a xustificar as escollas do autor naqueles casos de palabras nas que a normativa non ten unha forma única: -ble/bel; ao/ó; -aría/ería; esixir, osíxeno/exixir, oxíxeno… Callón opta sempre polo que el considera “o máis próximo ao padrón do portugués culto”, seguindo a liña da denominada Escola coruñesa, que lidera no académico Xosé Ramón Freixeiro Mato e no político María do Carmo García Negro.

O libro é divulgativo e non se lle pode pedir demasiado rigor pero choca que ás veces asegure con rotundidade cousas que non son certas, como que a única forma documentada no galego medieval para o nome da nosa nación sexa Galiza ou que tacitamente desprece a gheada por considerala posible resultado indirecto da imposición do castelán na Idade Moderna.

Ao final da publicación aparece unha listaxe de palabras incorrectas ou non recomendables co seu equivalente máis acaído. Co permiso de Callón, preguntareime en público e en voz alta polo motivo da súa escolla. Hoxe quero falar do caso de castaño e marrón.

Callón considera castaño unha forma permitida pola normativa pero que el propón “ir desbotándoa por outra”, neste caso marrón. E aquí náceme un enigma: por que marrón é máis galega que castaño?

Castaño como adxectivo que cualifica calquera cousa da cor da casca da castaña está admitido polo dicionario da Real Academia Galega, o Estraviz, o Eladio e asemade os principais dicionarios portugueses e casteláns. Con este significado aparece en varios textos medievais. E aínda así, o filólogo considera que é mellor ir desbotando o seu uso a prol de marrón. E velaquí o cerne da miña sorpresa.

Marrón é un galicismo, unha palabra francesa que até o século XVIII unicamente era substantivo que definía o que nós chamamos castaña. De aí que os Posada bautizasen a súa castaña confitada como marron glacé. No século da Ilustración aparece o uso de marrón como adxectivo para referirse á cor castaña. Idioma de grande influencia, do francés pasa a outras linguas, incluída a galega e a portuguesa como sinónimo perfecto de castaño. Por que preferir un estranxeirismo a unha palabra patrimonial e tan idiosincrática coma a castaña? Non o sei. Iso si, eu fago o contrario que Carlos Callón: prefiro castaño a marrón, sen que considere allea unha palabra que está presente desde hai tanto tempo entre nós.

Cóntanos o historiador das cores Michel Pastoureau que en Francia, co tempo, o marrón adquiriu un matiz húmido e cálido que o achegou en certo xeito aos excrementos. Ese matiz pexorativo de marrón está aínda máis claro no castelán, que converteu o adxectivo francés en substantivo co significado de obriga ingrata, directamente relacionada coa merda na locución comerse ou tragarse un marrón. Que diferenza de comer ou papar un marron glacé.  

Advertisements

Single Post Navigation

3 reflexións sobre “Castaño e marrón

  1. Non estaría de máis que un día nos aprendése-las cores. Porque entre o cruce co castelán e que no propio galego unha mesma palabra pode significar cores diferentes segundo quen fale…

    Poderías comentar especialmente as diferenzas e matices de: laranxa, roxo, castaño, rubio, vermello, encarnado, louro… Ponnos algún exemplo (a ser posible con imaxes, aínda que aí os monitores das computadoras poden facer estragos) de cando é correcto un ou outro.

    Graciñas e parabéns.

  2. Um reintegracionista o dixo:

    É curioso que Callón afirme que é melhor a forma ‘marrón’, já que é uma forma que nos afasta do português. Em Portugal é usada só a forma ‘castanho’, e só no Brasil pode ouvir-se a forma ‘marrom’ [sic] ao lado de ‘castanho’.

    A proposta dos reintegracionistas é descartar a forma ‘marrom’ e usar prioritariamente a forma ‘castanho’, que além de tradicional na Galiza e coincidente com o português também é uma palavra bem bonita.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: