Dúbidas do galego

Just another WordPress.com site

Pazo e palacio

Velaquí dúas fillas da mesma palabra latina: palatium. Temos falado noutros momentos da diferenza entre palabras patrimonias e cultismos. Este caso ilustra moi ben esa clasificación. Pazo é unha palabra erosionada polo uso, habitual no galego medieval para definir unha casa suntuosa pertencente a un nobre ou incluso a un rei. Palacio, como cultismo, xa se empezou a usar no contexto galego no século XIV. En galego e portugués pazo e palacio son sinónimos perfectos. Polo menos na teoría.

Porque na práctica, o uso semántico de ambas as formas parece delimitado por unha liña invisible. Se falamos dunha casa rica, de varias estancias, construída hai séculos e residencia habitual noutrora de familias fidalgas, entón aplicamos a palabra pazo. Mais se nos referimos a un edificio monumental propiedade de reis ou dedicado a actos públicos optamos inconscientemente por palacio. Algúns Concellos optaron por estender a palabra pazo a usos máis modernos: pazo da música, pazo de congresos…

Unha lingua que dispón dunha forma patrimonial (cadeira) e outra culta (cátedra) sempre fai unha escolla sobre a extensión de cada unha delas. No caso de pazo e palacio non hai sospeita de que o cultismo sexa unha forma imposta polo castelán xa que se usaba moito antes da imposición dese idioma. Con todo, persoalmente coido que sería bo ampliar o campo semántico de pazo a todos os niveis.

O adxectivo pacego-a, que eu tiña por común e usei cando me cadrou, resulta que non existe en ningún dicionario agás o que publicou Leandro Carré Alvarellos. Mais na nosa literatura empregouno entre outros Xosé Luís Méndez Ferrín. A forma estándar debería ser palaciana-o. Palaciega-a é un castelanismo. Eu quedo co recendo dos xardíns pacegos.

Advertisements

Single Post Navigation

4 reflexións sobre “Pazo e palacio

  1. Eu penso que teño vista a forma “palazo” nalgures, supoño que non é normativa polo de agora, pero gústame a similitude coa terminación de non só “pazo” mais tamén “espazo”, “servizo”, “xustiza”, etc. A ver se se espalla un pouco máis.

    • Ola. Graciñas por comentar. Se pode ser, indícame onde tes visto esa forma palazo. Nunca o escoitei. Non o lin en ningures. Resúltame curioso. En realidade, pazo xa foi a forma na que evoluíu palacio en galego. Ese palazo sería un híbrido. Deduzo que no futuro pode haber deste tipo de palabras, novas evolucións de cultismos.

      • Ai, ogallá lembrara onde o vin… Eu dende logo sei que dalgunha parte a saquei, cando a vin/escoitei fascinoume moito e por iso quedei coa lembranza, pareceume moi bonito. Imaxino que sería alguén pecando de hiperenxebrismo. Se volvo cruzar con ela hei vir aquí a deixar constancia.

      • Graciñas por seguir este blog. Espero as túas ideas e suxestións

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: