Dúbidas do galego

Desafiuzamento

Nos últimos meses non me foi raro observar, por escrito e falando, persoas galegofalantes, comprometidas coa calidade do idioma, usaren a palabra desahucio (algunha vez incluso escrita deshaucio). Interesado por esta escolla, a xustificación que me deron é que desafiuzamento ninguén sabe que significa, é mala de pronunciar ou “determinadas mensaxes pérdense se os destinatarios teñen que procurar a palabra no dicionario”.

Desahucio até hai ben pouco tamén era unha palabra desas que había que buscar no dicionario, que só se usaba na literatura xudicial ou médica. Nótase que aínda está pouco rodada porque aínda se escribe mal, con ese h mal acomodado que moitos dubidan onde colocaren.

A palabra desafiuzamento é exemplo perfecto para comprobar como a debilidade da lingua galega nos medios de comunicación nos devolve a sensación dun idioma difícil, escuro, no que moitas das súas palabras nos soan máis estranxeiras ca o estranxeiro castelán. É o que poderiamos chamar síndrome da radiofórmula.

Para que unha canción desas “pop” triunfe, discográficas, gabinetes de técnicas de mercado e demais operadores da industria usan a estratexia de repetir e repetir o retrouso unha e outra vez até que de tanto mallar nas nosas meninxes acabemos por absorbelo. A radiofórmula funciona e todos nalgún momento nos sorprendemos a nós mesmos cantaruxando polo baixo algunha canción de usar e tirar que se nos apegou coma un parasito.

A lingua que nos chega a través dos medios de comunicación utiliza o mesmo mecanismo. Termos como optimizar, problemática ou trivote, por dar tres exemplos dispares, son neoloxismos exitosos grazas ao seu abuso xornalístico.

E nese espallamento o galego apenas ten forza. Na infinita TDT só hai dúas canles que emitan en galego (coido que Popular TV e algunhas locais usan a nosa lingua tamén). É dicir, no mellor dos casos, catro sintonías de entre 30. Na radio e na prensa a proporción non mellora. Así é imposible que as palabras de noso soen, se popularicen, sobre todo se compiten contra as formas castelás que estean de moda nese momento, caso de desahucio.

Deixarse levar pola corrente, renunciar ao noso idioma porque está minorizado ou porque temos medo de que non nos entendan é un camiño rápido cara á desaparición. Se desafiuzamento crea nun primeiro intre o mesmo estupor que a letra dunha canción de Georgie Dann, afagamos o oído, pronunciémola en voz alta, usémola canto poidamos para que os máis tamén a escoiten, a lean. Se alguén pregunta, non usemos a tradución ao castelán; mellor utilicemos sinónimos propios: desaloxo, evacuación forzada, expulsión do fogar.

Advertisement

Single Post Navigation

7 reflexións sobre “Desafiuzamento

  1. En portugués é despexjo, cal é o problema de usar despexo en galego?

  2. Pingback: O galego na xustiza. Algúns consellos | Dúbidas do galego

  3. Pingback: Dúbidas do Galego: O galego na xustiza. Algúns consellos. | The Muros Times

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: