Líbero
Non sei se aínda hai equipos que xogan con líbero. Deduzo que nas escolas de fútbol esta figura estudarase, aínda que só sexa na materia da historia deste deporte.
A figura do líbero ten algo de mítica porque define un xogador que aínda estando na defensa, tiña liberdade de movementos, polo que adoitaba dirixir o xogo e incluso chegar á área e rematar á porta. Como líberos xogaron Franz Beckenbauer e practicamente todos os que logo levaron o alcuño de Kaiser.
Hoxe en día apenas hai equipos que xoguen con defensa de cinco (lateral dereito, defensa marcador, líbero, defensa central e lateral esquerdo) e parte das responsabilidades do tradicional líbero forman parte do oficio do pivote defensivo, medio centro defensivo ou medio vasoira, que é como lle chamaban a quen xogaba aí no instituto Castelao do Calvario de Vigo, onde eu estudei o BUP e o COU.
Nos últimos meses a palabra líbero tamén serve para definir unha revista futbolística de excelente feitura e contidos de calidade na que a man de varios galegos se nota e se agradece. Pena que este non sexa o lugar para gabar a valentía dos varios grupos de xornalistas que se lanzaron a facer novos produtos confiando só en que o labor honrado e creativo feito con rigor arrastre lectores, compradores e, polo tanto, ingresos cos que se manteren.
O caso é que líbero non é unha palabra admitida polo galego estándar. Non aparece nos dicionarios e o criterio filolóxico máis común por parte dos lingüistas galegos é descartar a palabra por ser innecesario estranxeirismo. Algúns, como Benigno Fernández, propoñen substituílo por libre ou defensa libre, tradución literal do termo italiano que se exportou a todo o mundo onde se xoga ao fútbol.
Estou en desacordo. Os neoloxismos teñen sentido cando ocupan espazos que a lingua autóctona ten ao descuberto. A palabra líbero inventouse para unha función até ese momento descoñecida e o seu éxito popular foi inmediato e absoluto.
Está admitido no portugués brasileiro e no castelán. Non hai ningún impedimento para usalo en feminino: “Na selección galega, esa xogadora da que falas non ocupaba o posto de central senón de líbera”.
Como fas pra que che apareza a sección ” O máis visto”.
Entón, no portugués e Portugal, non está admitido?
Quería dicir, no portugués de Portugal. Por certo, algúns, en lugar de dicir portugués, din portuxés. O que non entendo é de onde vén. Outro tema pra futuros artigos que queiras facer