Dúbidas do galego

Just another WordPress.com site

Sono e soño

Hai unha histórica viñeta de Xaquín Marín na que se ve un plató da TVG, cun grupo de persoas sentado nun sofá e un rexedor que berra algo así como: “Ahora hablad en gallego que vamos a entrar”.

Na miña experiencia, a presenza do galego entre os profesionais dos medios públicos fóra de antena é minoritaria e teño escoitado contar que durante algunhas etapas non estaba ben visto falar en galego sen haber cámaras diante.

Non sei se este hábito ten a ver algo coa mala calidade do idioma de moitos dos xornalistas que traballan na radio e na televisión públicas. A pesar de existir un nutrido equipo de lingüistas, que se ocupan con gran traballo de corrixir a fonética e limpar os guións de incorreccións, o certo é que o número de erros de todos os tipos que se escoitan e len é impresentable. Quen o dubide, que poña a televisión e radio galegas durante 12 horas seguidas (se soporta a súa programación) e conte o número de castelanismos, pronomes mal colocados, hiperenxebrismos, nomes propios mal pronunciados…

E con esta invectiva non quero sinalar a ninguén; os que o fan mal seguro que o saben e non lles importa. E tampouco quero emporcar o nome doutros bos xornalistas que alén de se preocuparen polo que contan tamén paran un tempiño a prepararen como o contan para lle dar á audiencia un idioma rico. Non esquezamos que moitas palabras autóctonas non se perderon de vez grazas ao labor dos medios de comunicación de masas, que en Galiza, en galego, só son os públicos.

Todo isto vén a conto porque o tema de hoxe é un erro que contemplo acotío na TVG e na Radio Galega, especialmente na sección de Deportes. Propio de galegofalantes de ocasión é falar de sono cando en realidade se refiren a soño: “Sería un sono xogar no Celta”.

Sueño, en castelán, define tanto o acto de durmir coma o acto de representarse na fantasía de alguén, ao durmir, sucesos ou imaxes. É o único idioma no que ambas as cousas se definen coa mesma forma léxica.

En galego diferenciamos sono e soño. Sono define o acto de durmir e provén do latín somnum (somnolento). Derivados son soneca, sonata (referidas a sono curto e lixeiro), sonámbulo (quen sofre de automatismos cando dorme que derivan en actos coordinados como camiñar ou comer), sonento (alguén que sempre anda con sono), sonecar (cabecear co sono)…

E outra cousa é soño, que define o acto de vivir coa imaxinación cando durmimos. De aí o verbo soñar e outros derivados como soñador ou un adxectivo que só oín na miña casa e que sempre mo corrixiron os meus profes de galego: soñento, que se aplica a alguén que está nun transo de quedar durmido e xa non rexe con lucidez. “Non lle fagas caso, está soñenta e xa nin sabe o que fala”.

Falando das diferenzas entre soño e sono, unha vez alguén me dixo: “es que el gallego siempre está complicando las cosas. Lo de sono y soño es como lo de gañar y ganas. Nunca aciertas. En castellano es más fácil”. O curioso é que o galego, neste tema, vai coa maioría de linguas do noso contorno. O inglés diferencia sleep (sono) de dream (soño), o francés sommeil/songe, o italiano sonno/sogno… O castelán si que é raro ás veces, mira que confudir o durmido co soñador!

Advertisements

Single Post Navigation

2 reflexións sobre “Sono e soño

  1. haha aí nese final estiveches moi ben!

  2. En Código Cero, por exemplo, cometen un erro adoito colocando o pronome. Eles no canto de escribir “que lle fixo”, escriben “que fíxolle”.
    Supoño que non deben seren galegofalantes habituais.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: