Dúbidas do galego

Just another WordPress.com site

Mecer e columpio

Mecer é a forma castelá á que evoluíu o verbo latino miscere (mesturar). En galego debemos dicir mexer, co significado de sacudir, abanear ou axitar. Estoutros tres verbos son, polo tanto, sinónimos pero non perfectos. O vento mexe a herba, sacódea ou axítaa. Mais a nai abanea o berce. O verbo abanear ou abalar significa mover algo acompasadamente. Neste caso tamén podemos usar o verbo randear. “Nos seus últimos anos, Manuel Fraga randeaba á esquerda e dereita”.

Coa forma randear constrúese a palabra randeeira, que en galego define dous obxectos. Por unha banda, o enxeño que consiste nunha superficie máis ou menos plana na que sentar suxeita a outra estrutura máis alta e firme (unha barra metálica, unha ponla…) por medio de cordas ou cadeas. A palabra columpio é un castelanismo. Tamén columpiarse, en todos os sentidos. Cando se di que alguén fixo unha afirmación sen ter todos os datos, en castelán coloquial úsase columpiar. En galego debemos substituílo por botar por fóra ou aplicarlle algunha expresión feita propia. “No te columpies”. “Tira o cabaliño da chuvia”.

Para a acción de moverse sobre a randeeira podemos usar amais de randear, bambear, arrolicar ou carriolar. Estes verbos son todos pronominais. “Randeouse durante unha hora no parque”. “O que máis lle gustaba era carriolarse nas randeeiras dos cabaliños que puñan durante as festas”.

A outra randeeira define un tipo de cadeira, normalmente con brazos e respaldo, que se asenta sobre unha superficie curva e que abanea coa forza motriz do propio corpo. É incorrecto utilizar mecedora ou mexedoira/mexedor para definir este moble. Tamén se lle pode chamar arrandeadoiro.

Un mexedor é o instrumento de cociña, en forma de espiral, que se usa especialmente para mesturar masas líquidas. Por extensión, pode definir calquera robot destinado case unicamente a facer masas, ao estilo da Kitchen Aid.

A forma remexer úsase para indicar a acción de darlle voltas a algunha cousa (nunha pota, por exemplo), alterar o estado dun conxunto coas mans (un caixón, por exemplo) ou como sinónimo de moverse con comodidade: “Esta cama é tan pequena que non me remexo”.

Advertisements

Single Post Navigation

2 reflexións sobre “Mecer e columpio

  1. Moi interesante. Non sabía o da randeeira para esa cadeira que abanea. E existe a palabra randeira, cun só “e”?

    A miña veciña Dorinda, que é unha enciclopedia da lingua andante, usa moito o de andar a randear (ou arrandear, non lembro moi ben), pero a min cáusame certa inseguridade porque non sei se todos os abaneos son válidos para esta palabra. A miña nai ten de seu, da infancia, a palabra sansanicar, que vén sendo sacudir con ganas, axitar cun movemento de vai-vén.

    Por certo, que o de axitar será galego pero, como moi enxebre non soa, ou?

    • Manolo, grazas por comentar. Randeira seica é unha peza que había nas lareiras da que se penduraban utensilios. Sansanicar é a mesma cousa ca abanear ou sacudir. Non coñecía ese verbo, así que grazas 🙂 Axitar é galego polo menos desde que os romanos colonizaron por aquí xa que do latín provén ese verbo. Saúdos

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: