Dúbidas do galego

Just another WordPress.com site

Orujo

Meu pai é alquimista. Coma todos os seus predecesores nesa fumarenta arte, fracasou na súa procura da receita para fabricar ouro. El confórmase coa dourada augardente de herbas, a prata da augardente branca e o bronce da augardente queimada. O licor café de acibeche é cousa da apocemaría da que se encarga miña nai.

En cas Herminia, no Lugar da Igrexa de Cequeliños, nunca se preparou licor de crema de augardente. E seguro que por ese motivo, cando alguén os agasalla cunha botella falan de crema de orujo, afastando así a súa orixe foránea da adega familiar. É o caso típico de escoba/vasoira; melocotón/pexego que xa analicei noutros artigos. O de fóra, o novo, o industrial ou o etiquetado exprésase como un neoloxismo aínda que o fundamento sexa o mesmo do que temos na casa.

Orujo é unha palabra castelá que procede do latín voluculum (envoltura), raíz tamén das variantes borujo e burujo e incluso do portugués burusso, que o Estraviz inclúe como termo galego mais que considero inadecuado por ser sospeitoso de castelanismo na lingua portuguesa.

As palabras propias para definir os restos de bagos de uva espremida e seca están moi estendidas e vivas na fala popular: bagazo, bagullo, bagaño, bullo e maga. De feito, orujo e o seu castrapismo oruxo colleu un pouco de forza unicamente desde hai apenas unha década, cando as dificultades dos alambiqueiros tradicionais para destilar casa por casa abriron unha tímida industria do augardente que –nun primeiro intre, xa non agora, por sorte– optaron por castelanizar o seu produto, seguindo o vieiro doutros sectores, caso da “ternera gallega”.

Hai que lembrar que augardente é unha palabra feminina. Unha variante admitida é aguardente. O termo caña para definir a augardente considérase incorrecto na lingua estándar aínda que o seu uso tan estendido e a presenza da palabra en dicionarios históricos fai recomendable que se acepte.

Para os produtores de augardente que deberon considerar orujo máis fino que a brava augardente, recomendo que utilicen a palabra bagaceira, que é como lle chaman no Brasil, para diferenciala da que alí é augardente por antonomasia, a de cana de azucre.

O bagazo non só define a uva pisada e resequida, tamén se lle aplica a outros froitos, caso da oliva. En tempos de suba do aceite, ocupan mellores lugares nos andeis dos supermercados as botellas de aceite feito co bagazo. A ese aceite pódeselle chamar de espremedallo, termo co que se define calquera líquido (tamén no caso do viño) obtido na fase de prensado, último paso antes de que o froito se converta en resto enxoito. “Na escala dos aceites, o virxe extra está no cima e o espremedallo, no fondo”.

Advertisements

Single Post Navigation

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: