Dúbidas do galego

Just another WordPress.com site

Sillón

Se ben silla xa se considera popularmente un castelanismo e se usa a sabendas de que a palabra nosa é cadeira (infelizmente non conseguiu entrar na fala viva dun xeito masivo), o dominio de sillón na fala e moitas veces na escrita é case total. Como é lóxico, tendo en conta que a súa raíz é silla, da que é aumentativo, debemos substituílo por termos nosos.

E velaí o que eu considero o erro na normativización deste castelanismo. Cando estudaba coa profesora Carme Liszt no Instituto Castelao do Calvario de Vigo, lembro que tiña fixación con esta palabra (a súa outra obsesión era pronunciar a contracción da preposición a máis o artigo determinado masculino tal cal ao. Soaba moi raro cando eu sempre escoitara falar ó). Ela propuña a tradución canónica na lingua estándar para sillón: cadeira de brazos.

Lexicamente esta proposta é impecable mais é antieconómica coma todas as locucións (pano de mesa, salón de peiteado…) e custa introducilo no vocabulario habitual. “Senta na cadeira de brazos que é máis cómodo ca o sofá”. Sóavos natural? Ese adestramento que o oído precisa para o galego normativo faise máis duro con este tipo de construcións.

Mais existen outras opcións. Poltrona e butaca. O dicionario da RAG recomenda poltrona aínda que a definición de butaca encaixa perfectamente coa descrición do obxecto: cadeira con brazos e asento brando de uso individual. Cando falemos de sillón no sentido figurado (por exemplo para falar dun Consello de Administración ou a propia Real Academia Galega), podemos usar tamén cadeira.

Poltrona e butaca son estranxeirismos de vello no galego. As primeiras poltronas eran italianas, cuxos ebanistas e tapiceiros inventaron un asento máis sofisticado e cómodo que as vulgares cadeiras. Máis exótica é a orixe de butaca, que provén da palabra putaca que usaban os cumanagotos, pobo amerindio que habitou parte da actual Venezuela até a chegada dos españois. Contra o tópico eurocéntrico que fala das nacións americanas coma atrasadas, seica xa no século XVI tiñan cómodas e moles cadeiras. Cada vez que pousemos o noso corpo canso nunha butaca lembremos os seus inventores, que pasaron ao faiado da historia.

Advertisements

Single Post Navigation

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: