Derbi
Esta palabra vive un momento de crise en castelán ao tempo que mantén unha enorme popularidade en galego. Antigamente, para definir os Barça-Madrid e viceversa usábase derby –aínda que a Real Academia Española ordena grafalo como derbi– mais ultimamente prefírese o termo “clásico”, seguindo a escola xornalística arxentina, que consagrou o River-Boca como o gran clásico do fútbol sudamericano.
Derbi non aparece nin no VOLG nin no dicionario da Academia Galega. Si noutros dicionarios e manuais, con dous significados: carreira de cabalos anual celebrada en Epsom (Inglaterra) ou partido deportivo, especialmente de fútbol, cuxos equipos envolvidos teñen gran rivalidade entre si, por proximidade ou competencia xeográfica ou por destacaren no domnio dunha determinada competición.
Polo tanto, é correcto falar de derbi cando nos refiramos a un Dépor-Celta e máis correcto aínda é chamarlle a este partido “o noso derbi” pois os dous clubs son sobranceiros no fútbol galego e o seu peso específico no fútbol profesional non ten comparación con ningún outro conxunto. Iso non quita que se poida falar de derbi cando xoguen Dépor contra Rácing de Ferrol; Pontevedra contra Celta ou calquera outra combinación entre equipos que manteñan unha rivalidade asentada na historia pola razón que sexa.
Como a palabra derbi chegou ao noso idioma? A resposta hai que buscala no desenvolvmenento da prensa de masas. Derby, en efecto, foi primeiro unha persoa, Edward Smith-Stanley, duodécimo conde de Derby. Conta a lenda que no 1779, un grupo de nobres e altos burgueses moi afeccionados ás carreiras hípicas argallaron unha competición singular para poderen competir en alegría. A xuntanza celebrouse na quinta The Oaks (Os Carballos) de Lord Derby, que se converteu desde o primeiro momento en benefactor da corrida. A lenda prosegue explicando que logo dunha primeira edición, non lles acababa de chistar chamarlle ao campionato carreira de Epsom (lugar onde se celebra) e decidiron botar ás sortes se bautizar o evento co nome de Derby ou de Charles Bunbury, a persoa que máis sabía de cabalos de carreiras naquela altura no Reino Unido. Ao final, a moeda inmortalizou o nome de Derby. Bunbury tamén hoxe é algo popular pero non ten nada a ver con cabalos, non si?
O caso é que a carreira de Derby acabou convertida na principal referencia deportiva na Inglaterra do século XIX, cando o fútbol aínda era só un deporte plebeo no que unha aldea xogaba contra outra xutando nun balón feito de trapos congostra arriba congostra abaixo sen apenas regras. O gramado do resío da pista de area de dez iardas (2,423 km) é aínda hoxe pasarela de moda de sombreiros e data obrigada para que aquela burguesía e nobreza que inventaron o trofeo hai xa máis de 230 anos siga a facer negocios, contactos e amizades.
Cando a finais do século XIX a prensa se converteu nun fenómeno masivo, a palabra derby pasou a ser metáfora dunha gran competición deportiva. Cando se celebraba un combate polo título mundial de boxeo, falábase de derby; cando os equipos de remo de Oxford e Cambridge se retaban, tamén era un derby. E así, do inglés pasou ao castelán, ao portugués e ao galego. Se falamos de que un potosí é unha gran cantidade de riqueza, un derbi é un grande evento deportivo. Co tempo, a palabra circunscribiuse aos partidos de máxima rivalidade, un matiz xa presente tamén no inglés británico.
Como ocorre moitas veces, a popularización da palabra derbi quixérona rendibilizar para o turismo algunhas forzas vivas da rexión inglesa do Derbyshire. Así que inventaron a teoría de que en realidade o nome chegara á prensa como consecuencia da gran rivalidade que se vivía no partido anual de fútbol (ese fútbol do que falamos uns parágrafos antes) entre os veciños de Ashbourne, vila que aínda hoxe conserva ese partido-festa, que dura dous días e que divide a metade da localidade en dous equipos irreconciliables que puxan e empurran por levar o balón (hoxe confeccionado con cortiza portuguesa) cara a algunha das portas separadas entre si por tres millas (4,827 km). A tradición marca o comezo deste partido tan singular no século XII.