Hostia, a estadea!
Nalgúns lugares de Galicia, á Santa Compaña chamóuselle estadea ou estantiga. De feito, o nome da Compaña é moi recente e naceu dun intento da Igrexa de controlar baixo a súa doutrina unha crenza que –nisto coinciden todos os estudosos– provén da máis remota prehistoria. Converter algo en santo foi un método eficaz para o Vaticano de apropiarse dun anaco da cultura relixiosa precristiá autóctona.
Presente en moitos contos de pantasmas, a estantiga é unha procesión de ánimas que sucan os camiños e congostras nunha peregrinaxe que nalgúns mitos ten final nos portos francos cara ao alén (Fisterra, Cabo do Mundo-Santo André de Teixido, en Galicia). Noutros anda sen rumbo polos milleiros de lugares do país unindo á súa fileira os descoidados noitébregos que esquezan pecharse nun círculo labrado en terra.
A orixe das palabras estantiga e estadea non encontra unanimidade entre os investigadores. Na Idade Media os documentos falan de osten antiga. O nome podería provir ben do latín hostis antiqua, que significaría exército antigo ou de hostis antiquus, que significa inimigo antigo e que é a maneira elegante de lle chamar ao diaño (hostis antiquus generis humani (inimigo antigo do xénero humano). Dese hostis do latín temos hoxe en día hostil e a interxección hostia! –ou hostiá!– que se asimilou ao nome da peza de pan consagrado mais que na orixe viña buscar a blasfemia chamando en voz alta por Satanás, na liña anticristiá de todos os pecados que saen da nosa boca: “Me cago en Dios, a Puta Virgen…” (todos pronunciados en castelán, que tamén niso é o idioma da relixión.
A hipótese de que procede do termo hoste (exército) colle forza ao imaxinarmos a compaña coma unha tropa pantasmal que percorre a terra desde a primeira noite. Os nosos devanceiros coidaban que a morte era un primeiro paso que non acababa no sartego. De aí que as tumbas prehistóricas se construísen con fendas suficientes para permitirlles aos defuntos partiren cara á súa derradeira morada nunha longa fervenza de pantasmas. O de que á fronte da hoste ía un defunto coa cruz xa é engadido moderno do catolicismo, que sempre intentou impor a cruz ao círculo, gran símbolo relixioso atlántico. O máis ambicioso neste sentido foi san Patricio, padroeiro de Irlanda, que xunguiu os dous emblemas na denominada cruz céltica.
Pensarmos en estantiga ou estadea como sinónimo de diaño ten a súa lóxica se pensamos en que un dos significados da palabra é aparición fantasmal e, por extensión, persoa alta, seca e pálida. Aí si que a descrición encaixa con determinada imaxe diabólica, a procedente da asimilación co deus grego Hades, ser subterráneo (polo tanto pálido por falta de sol e fúnebre, xa que vive “enterrado”) e austero (de aí o de enxoito e espigado). Esa é, por certo, a inspiración do mito do vampiro. Non ten acaso o Edward Cullen do cinema (Robert Pattinson) cara de estadea?
Moi interesante, coma sempre. Coido que era Xosé Chao Rego o que comentaba, algo como que cando á persoa viva que a estadea pilla para ir á cabeza da comitiva de almas é dunha parroquia, a procesión non ousaba adentrarse nos lindes dunha parroquia diferente… a verdade non lembro como era, non sei se ti terás máis información pero comentábao para ilustrar a importancia das “unidades territoriais” da Galicia tradicional: a casa, a parroquia…
Ola, Manolo:
Non teño máis datos dos que dás. De todos os xeitos, a mecánica da estadea cambia segundo os relatos e as zonas. Mestúranse diferentes mitos e lendas. En canto á importancia da parroquia en Galicia, só hai que recordar que as máis delas foron creadas na época do reino suevo polo que levan funcionando máis de 1.500 anos. O curioso é que quizais esteamos asistindo á fin da súa influencia na ordenación territorial da nosa nación. Apertas