Maracuxá
Os maracuxás chegaron antes á porta da casa da miña avoa Carme que aos dicionarios de galego. Cousas do tránsito mundial de sementes e persoas e da resistencia das plantas. Os maracuxás de Cequeliños, cóntovos, son algo máis picantes ca os brasileiros e teñen unha casca brillosa que converte as súas parreiras nunha especie de árbore exótica de Nadal anticipado, coas boliñas dos froitos a estrelecer cunha pinguela de orballo.
Aínda que a palabra non estea no VOLG, diferentes expertos consideran que a escrita correcta para o froito e a súa árbore é maracuxá. Pronunciaremos ese -xa cun fonema prepalatal fricativo xordo (o que usamos en palabra como xabrón ou paxaro).
O maracuxá recibe en castelán o nome maracuyá ou fruta de la pasión e en portugués maracujá. A orixe etimolóxica do termo é tupí, cultura indoamericana que dominou grandes áreas do que hoxe é o Brasil, desde o Amazonas até o actual São Paulo. Os tupís aínda forman parte da cultura brasileira grazas a un bo número de palabras que conseguiron trasladar ao portugués e no sudeste do país son moitos os habitantes con sangue tupí nas veas.