Dúbidas do galego

Just another WordPress.com site

Desplomar

Para o verbo desplomar co significado de caer unha cousa de gran peso, o galego opta mellor por formas non conflitivas caso de caer, afundirse, esboroarse, esmoroarse ou derrubarse.

Por que é conflitivo este verbo? Porque aínda que en castelán se usa regularmente como sinónimo de caer, o certo é que en orixe significaba perder a verticalidade. A etimoloxía relaciónase coa palabra castelá plomada, que, entre outras cousas, era unha peza de metal (normalmente de chumbo) que se colocaba atada a un fío para que os albaneis e demais artesáns da construción puidesen comprobar a verticalidade de calquera obra.

En galego, plomada pódese dicir chumbo (a forma recomendada pola RAG) ou prumo (forma común ao portugués). De aí que para falarmos dunha obra que perdeu a verticalidade, poidamos empregar a forma desachumbar (no galego estándar) ou desaprumar, presente na Idade Media e hoxe a utilizada en portugués. “Os edificios daquela urbanización aos poucos anos xa se desachumbaran (ou desaprumaran)”.

Esa peza explica non só desplomar senón a locución “a plomo”, que tanto se refire a algo que cae dunha soa vez coma a algunha cousa colocada verticalmente (e tamén comprobar que se conserva esa verticalidade). O verbo aplomar é, en orixe, antónimo de desplomar. É dicir, significa elevar un muro ou outra obra. De aí que por extensión se fale de que alguén ten aplomo cando obra con rectitude, cando segue o regueiro dereito.

En galego, para aplomar, con significado construtivo, debemos utilizar achumbar. Este verbo non deu no noso idioma un derivado equivalente a aplomo e debemos usar substitutos como rectitude, serenidade, gravidade ou circunspección. “Los manifestantes actuaron con aplomo ante la policía”. “Os manifestantes actuaron con serenidade perante a policía”.

Advertisements

Single Post Navigation

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: