Dúbidas do galego

Just another WordPress.com site

Cómete o mar

A Xunta de Galicia, des que está nas mans do equipo de Alberte Núñez Feixoo, descoidou a calidade do galego que usa na súa comunicación até límites inadmisibles. Non hai que esquecer que un dos mandatos estatutarios que o executivo ten obriga de cumprir é coidar e protexer o patrimonio cultural da nación galega, cuxo principal activo é a lingua propia. Usala con desleixo e sen respecto vai máis alá dun erro puntual, é a mostra fidedigna de que aos dirixentes políticos lles dá o mesmo ese patrimonio. O conto vai máis alá: desprezando a calidade do idioma búscase empequenecelo, levalo de novo ao ámbito privado, informal, onde a ortografía non importa.

O lema da Consellaría do Mar seguramente está pensado por algunha axencia de fóra ou cun equipo creativo analfabeto en galego (espremeron o enxeño, o de Cómete o mar é auténtica xenialidade conceptual!). Aínda que é unha mágoa que o diñeiro público alimente iniciativas empresariais que lle dan o cu, literalmente, á sociedade para a que traballen, iso é o de menos neste caso.

Non hai en todo San Caetano unha soa persoa que vise os lemas publicitarios públicos? Non hai ninguén con coñecementos abondos para decatarse de que aqueloutro “(leite) Galega 100%” é puro castrapo? As burradas propias de analfabetos non só atinxen as grandes campañas do gabinete Feixoo, practicamente en cada acto de comunicación da Xunta hai erros ortográficos e gramaticais graves, coma se escribir en galego fose algo sen necesidade de profesionalización. O galego é un idioma respectable, cunha norma consensuada e unhas regras ao alcance de calquera que fora escolarizado nos últimos 30 anos. Non hai escusa ningunha que xustifique a ignorancia que mostran traballadores e políticos día tras día.

E agora quero explicar por que cómete o mar é castrapo. Na nosa lingua, esa frase só podería entenderse se o mar tivese función de suxeito e cómete fose terceira persoa do presente de indicativo do verbo comer máis o pronome te con función de obxecto ou complemento directo.

O de engadirlle o pronome reflexivo a un imperativo é castelán puro. É o que se chama en gramática reflexivo de interese ou dativo ético e no noso idioma non existe. O castelán úsao en moitas ocasións (Se bebió una botella él solo; Te mereces un castigo; Te pusiste el jersey al revés). En galego non o usamos por considerar o pronome inútil (Bebeu unha botella el só; Mereces un castigo: Puxeches o xersei do revés

Na nosa lingua o reflexivo gárdase –simplificando– para aquelas accións que teñen por obxecto o propio suxeito: Emporqueime no xardín; mancouse; agóchate.

Advertisements

Single Post Navigation

4 reflexións sobre “Cómete o mar

  1. Alégrome moito de ler este comentario tan acertado sobre os reflexivos importados. É unha desas cousas que dá rabia escoitar, e o caso é que se lle vai a un pegando. Non en casos tan esaxerados pero si en frases correntes como: senta! ou está calado! que xa un comeza a velas raras sen o “te”.

    Xa postos, algo que non soporto son os saúdos telefónicos con lleísmos do tipo: “Aténdelle Xan, en que lle podo axudar?” Estou agardando a escoitar o primeiro correcto, ese día seguro que choro polo teléfono.

  2. Lin sobre esa campaña hai pouco e estiven a pensar en moitas das cousas que dis, porque é verdade que non é a primeira vez que iso pasa… Qué vergoña! Unha magnífica entrada a túa! Cantas verdades, canto sentidiño nas túas liñas!! 🙂

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: