Dúbidas do galego

Just another WordPress.com site

Trasego

Contaba meu amigo Paulo Pérez a anécdota de cando a súa nai se puxo a falar en galego (era viguesa de Castrelos mais nunca dera un pío na lingua autóctona) e a cada pouco inventaba palabras. Seica un día empezou a falar dun xoz que metera no cárcere os principais comerciantes de drogas de Galicia. “Un xoz, mamá?”, díxolle o Paulo. “Si, o xoz Garzón”, respondeu ela. “En galego dise xuíz, non xoz; de onde colleches ese palabro”. “A ver, se de nuez é noz, de xuíz é xoz”. Lóxico.

Sen necesidade de solución tan cacofónica, si que é certo que moitos falantes adaptan palabras castelás ao galego sen reparar máis que en analoxías incorrectas. Se pendiente é en galego pendente, pois será expedente. Se en castelán dicimos miedo e traducimos por medo; de trasiego, trasego. E hala, tan felices.

A lingua ten certas regras que podemos definir como lóxicas mais na maioría dos casos non se poden aplicar fórmulas. Cada termo ten unha evolución, unha etimoloxía e unha pegada histórica. E o que é máis importante, o galego non se construíu en función do castelán polo que non se pode usar esoutra lingua como padrón no que medir a nosa.

Trasego non existe en galego. Tampouco trasegar. Estas dúas formas castelás son, en realidade, evolucións de trasfego (do latín transficare: “levar de aquí para acolá”), coa habitual conversión do f en h (velaquí unha das poucas regras case matemáticas: o f latino (e galego) vólvese h en castelán: afogar/ahogar; ferro/hierro).

En efecto, o verbo galego é trasfegar. Tamén podemos usar trafegar. Son formas patrimoniais que conviven co verbo culto traficar, tamén válido mais cun só significado: comerciar fóra da lei.

Trasfegar ou trafegar podemos usalo para referirnos ao movemento de cousas e ao acto de pasar un líquido dun recipiente para outro. O máis común é trasfegar viño mais tamén poderiamos falar de trasfegar auga dun garrafón para unha botella ou gasolina dun bidón para o depósito do coche.

Como trasfegar viño é unha das actividades máis usuais en Galicia, este verbo gañou un terceiro significado: tomar alcol. Non deixa de ser unha metáfora xenial tomar o propio corpo como recipiente final desa bebida que se trasfega.

O substantivo de trasfegar é trasfega, en feminino (de trafegar, trafega). Define tanto o acto de trasfegar coma unha tarefa que hai que realizar con apuro. Curiosamente, aínda que na fala viva castelá se usa trasiego con igual significado (Cuando abre un centro comercial, hay mucho trasiego en la ciudad), este non está recollido no dicionario da RAE.

Advertisements

Single Post Navigation

Unha reflexión sobre “Trasego

  1. Reblogueó esto en Asturgalicia Noticiasy comentado:
    Add your thoughts here… (optional)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: