Dúbidas do galego

Canle da Mancha

Este artigo resolve unha dúbida dupla: canle ou canal? Mancha ou Manga?

A principal diferenza entre canle e canal está no xénero. Unha canle é a mesma cousa ca unha canal (ou unha cal): conduto artificial destinado á condución da auga. Mais unha canal e un canal non son a mesma cousa. Cando empreguemos a palabra con xénero masculino referímonos a un estreito de mar, vía de comunicación acuática ou paso artificial entre dous mares. Así que debemos falar do canal de Suez, de Panamá… E da Mancha?

O castelán e o portugués adaptaron a palabra francesa Manche e de aí xurdiu a familiar Mancha, palabra vella tanto na fala común coma na toponimia (algo moi importante para asegurar o éxito de determinadas solucións). En galego admítese tamén Mancha pero varios lingüistas optan mellor por falarmos de Canal da Manga. En ‘A Nosa Terra’ o gran valedor desta forma era o mestre Gustavo Luca, que explicaba a escolla con argumentos irreprochables: Manche en francés significa brazo de mar estreito. Ese accidente xeográfico chámase manga no noso idioma, como metáfora dese “tubo estreito” de tea que cobre o brazo. A máis coñecida ha ser a Manga do mar Menor.

Persoalmente, a forma etimolóxica paréceme a máis atinada xa que optar pola francesa Canal da Manche pode resultar un tanto petulante. A norma admite a forma canal da Mancha.
Cando falemos das illas situadas nese estreito usaremos illas do Canal, sen necesidade de empregar da Mancha. Isto é así porque as máis famosas son de obediencia británica e en inglés este brazo de mar denomínase English Channel, que en moitas ocasións aparece co “Inglés” en elipse.

Single Post Navigation

8 reflexións sobre “Canle da Mancha

  1. Hai pouco estiven en Venecia e e miña moza falaba todo o tempo das “canles”. A min soábame fatal e recoñezo que é por influencia do castelán. Eu chamáballes “canais” (en masculino). Mirando (á volta) os dicionarios, semella que ambas as formas son correctas… Que recomenda o especialista?

    • Ola, Edu:

      Como indico neste artigo, canle ou canal (en feminino) aplícase para definir construcións destinadas á condución de augas. No caso de Veneza encontrámonos con vías de comunicación acuáticas polo que deberemos empregar canal (en masculino). Graciñas por comentar

  2. E no caso da tele?
    [canal + ]

  3. Dúbida que non ten que ver co tema:
    O dicionario da RAG admite zoar e zumbar, e non recolle zumbador nin zoador. É correcto o termo zoador?
    Graciñas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: