Víspora
Aínda que aínda haxa falantes e escritores (incluso profesionais) que pensen que víspora é unha palabra galega, en realidade é un castelanismo pasado pola fonética popular, que labializou o e en o, ao estilo doutras deformacións, caso de somana ou oucalito, por exemplo.
A fortaleza desta forma fronte á galega véspera ten a ver co campo semántico ao que pertence. O tempo formou parte en Galicia durante moitos séculos da área controlada pola igrexa. No momento no que esta institución se castelanizou, todo o léxico ao seu redor tamén abandonou o galego, incluso nas capas galegofalantes que só oían castelán cando o párroco subía ao púlpito.
Véspera procede do latín vespera, que lle daba nome á tarde. Con ese sentido temos o adxectivo vespertina-o. E na linguaxe litúrxica aínda permanece, xa que as vésperas son un rezo que se fai durante o serán.
Para os demais, véspera sinala a data que antecede a un día sinalado por algún motivo. “O accidente ferroviario de Angrois ocorreu na véspera do Día da Patria”.
Tamén define, dentro dos días dunha festa popular, as celebracións do día anterior á propia data que se celebra. “Este ano, no San Paio de Albeos trouxeron unha boa orquestra para a véspera pero a do domingo non valía nada”.
Cando usamos as vésperas, en plural, referímonos ao conxunto de días previos a algún acontecemento. É unha expresión aproximada que tanto pode definir menos dunha semana: “Nas vésperas do Nadal, a televisión énchese de anuncios de colonias” ou incluso anos. “As vésperas da chegada da peste negra caracterizáranse por anos de moitas chuvias e veráns moi quentes; as colleitas apodrecían na terra”.