Dúbidas do galego

Just another WordPress.com site

Loro

A pesar de seren os indios caribes os primeiros en seren liquidados na conquista de América por parte dos españois, algunhas das súas palabras conseguiron pervivir na lingua do seu exterminador. É o caso de loro, evolución do caribe roro, nome que define unha “ave propia dos países cálidos, da que existen varias especies, que se caracteriza por ter o peteiro forte e curvo, dedos moi longos cos que leva a comida á boca e plumas de diversas e vivas cores, e que, domesticada, é capaz de imitar a fala humana”. Esta definición tomeina do dicionario da Academia Galega, mais non na voz loro, que non existe no galego estándar, senón de papagaio.

Porque un loro castelán é un papagaio. Non existen diferenzas. Loro é hoxe máis común na lingua viva, tamén en galego porque o nome do paxaro veu canda el á nosa terra, nas equipaxes dos indianos retornados. É un neoloxismo triunfante, polo tanto, que leva no galego máis dun século. Coido que debería admitirse ao xeito no que o portugués admite a súa adaptación loiro, en ámbitos informais, ao tempo que se promove papagaio.

En todas as familias hai un papagaio famoso. Na miña, un que chegou do Brasil, nunha gaiola de madeira que comprou a miña tía bisavoa Luísa cando voltou de Santos. Conta miña avoa Carme que o tal papagaio falaba “o galego perfecto aínda que el fose brasileiro de nación”. Malia a sabedoría do paxaro, ela non foi quen de aprenderlle a dicir Carmiña. O papagaio era vello cando fuxiu da gaiola, cuxa madeira non soportou a humidade da ribeira de Albeos, en Crecente.

Papagaio é unha forma de orixe descoñecida. Está claro que a parte de gaio é común ao nome do paxaro que nalgunhas outras partes de Galicia se coñece como pega marza ou pega marxa. O gaio é unha ave moi común de plumas brancas, azuis e negras. Para diferenciar un gaio dunha pega (ou pega rabilonga) hai que ollarlle a cabeza ao animal. Se ten plumas brancas na carapucha é gaio, se é toda negra é pega.

Advertisements

Single Post Navigation

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: