Dúbidas do galego

Esquirol

A palabra castelá esquirol é desas que funcionan como cápsulas da historia e que só coñecendo o seu sentido podemos entender parte do noso pasado. L’Esquirol é un dos núcleos de poboación que forman o actual municipio catalán de L’Esquirol-Santa Maria de Corcó, un extenso municipio que durante o século XIX viviu, como o resto do país mediterráneo, a alta conflitividade da revolución industrial.

O ano 1855 foi un dos máis sobranceiros na historia do movemento obreiro estatal xa que foi nesa data cando se realizou a primeira folga xeral. O seguimento dos traballadores foi masivo e a resposta do goberno de Isabel II, que naquel tempo dirixía Baldomero Espartero, foi brutal. Houbo detencións e incluso deportacións.

Un dos focos de maior conflito foi Catalunya. A paralización da industria, a pesar da represión militar, foi case total e os empresarios tiveron que buscar o xeito de manter a produción. Foi entón cando L’Esquirol se fixo famoso. Para substituír os folguistas da localidade próxima de Manlleu, os industriais contrataron veciños de L’Esquirol no seu lugar. Foi a partir dese momento cando se foi estendendo a palabra esquirol como sinónimo de crebafolgas.

En galego, esquirol considérase un castelanismo. Recoméndase utilizar crebafolgas ou rebentafolgas, tanto para definir os traballadores que substitúen os folguistas como os traballadores que non secundan unha folga.

Coido que os lazos evidentes coa historia que acabo de contar fan conveniente que a palabra esquirol tamén se inclúa no noso vocabulario. Non para escarnio dos pobres habitantes de L’Esquirol-Santa Maria de Corcó, senón porque debemos recordar momentos destacados da historia, caso deste, aínda que nos quede a mil quilómetros de distancia.

Single Post Navigation

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: