Dúbidas do galego

Facer cachos

Andamos ultimamente falando de verbos que teñen que ver con tirar anacos ou cachos ou pedazos dun obxecto para crear novos obxectos. Á parte dos obvios esnaquizar, escachizar ou despedazar, segundo o contexto existen verbos precisos que definen cada acción. Falamos dalgúns casos concretos.

Cando o anaco que lle tiramos á cousa é a pel, podemos empregar estonar ou espelicar. Se queremos ser moi moi precisos, no primeiro caso referirémonos á casca dun vexetal (Non me amaño a estonar as patacas con este coitelo); no segundo, á pelica dun animal (Tiña unha técnica moi depurada para espelicar años). Descascar ou pelar tamén son sinónimos. Desplumar é palabra galega cuxos sinónimos son depenar e despenar.

Esgazar aplícase cando a rotura é irregular, sexa voluntaria ou fortuíta. Rachar unha folla de papel ou crebar a ponla dunha árbore, por exemplo. No caso de desprenderse unha rama da súa árbore, tamén podemos empregar esgallar.

O castelán trocear podémolo traducir ben por partir ben por tallar ou cortar. “Troceamos la cebolla en juliana”; “partimos a cebola á xuliana”.

En espremer non se busca facer anacos senón obter o zume que algunha cousa ten. Escochar usarémolo para definir o proceso de separar a cabeza do corpo do peixe. Tamén se lle pode aplicar ao traballo de lle tirar a mazaroca á cana do millo. Esta acción tamén a definen verbos como escanar, escarochar e escotar. E cando esa espiga a convertemos en grans, os verbos que usaremos poden ser debullar, escarolar ou escarrolar, degrañar ou escunchar. Escunchar, loxicamente, tamén se utiliza para definir o proceso de tirarlle a cuncha a algún molusco ou retirar a castaña do ourizo. Neste caso tamén podemos utilizar petelar ou esbilar. Esbilar tamén é un verbo que se pode usar para o caso de retirar por completo a carne adherida a un óso, xunto co verbo esburgar. “Esbilou (ou esburgou) aquela ombreira tanto que nin substancia tiña para facer un caldo”.

A lista de verbos deste tipo é ampla. Hai algún outro que coñezades que deberiamos empezar a utilizar máis para que non se perda?

Advertisements

Single Post Navigation

2 reflexións sobre “Facer cachos

  1. Eu coñezo planar para o significado de estonar (patacas, por exemplo)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: