Ordeñar
Para definir a acción de extraer o leite dos ubres dun animal e, por extensión, obter o máximo proveito (ou información) de algo ou de alguén, en galego podemos empregar os verbos muxir ou munguir. Esta forma tamén se usa nos derivados: muxidor, muxidora, muxidoira, muxidura; munguidor, munguidora, munguidoira, munguidura.
A forma ordeñar, bastante estendida por influencia do castelán, debe descartarse en todos os contextos. No portugués está admitida e nese idioma a forma mugir nada ten a ver co noso muxir, senón co mugir castelán.
Mugir, en castelán e portugués, define a voz de vacas, bois, becerros e touros. “Muge el ganado”. Para traducir ese verbo ao galego temos ben onde escoller. Amais da forma estándar bruar: “Brúa o gando”, podemos empregar abracar, aturrar, berrar, berregar, bradar, bramar, brecar, burdear, esborrecar, muar, muiñar e ornear, tendo en conta que algúns destes sinónimos non son perfectos.