Dúbidas do galego

Rúcula

A miña muller, Eva, ten un plantío excepcional dentro da casa. A albaca está espléndida e a salvia medra día a día. Hai menos dun mes plantou unha remuda de coendro, de prexel e de rúcula. Rúcula, esa raíña das ensaladas do século XXI que colleu a contrapé os académicos.

Porque a palabra rúcula non aparece no dicionario da RAG. E nisto os galegos non imos tan atrasados. Tampouco vén no dicionario español da RAE.

Rúcula é un italianismo (de rucola) moi vivo na fala cotiá e que no portugués xa leva tempo nas obras de referencia. De feito, rúcula úsase moitísimo no Brasil. E non me estraña. A rúcula brasileira é dun sabor especial, máis potente e especiado. E as follas de rúcula de alá son enormes.

Pero volvamos á rúcula de aquí, máis modesta pero tamén saborosa. Se a palabra rúcula aínda non existe, como lle chamamos á planta? Nun recente vocabulario trilingüe galego-castelán-inglés que publicou a Xunta, recomendan chamarlle eiruga. Eiruga, si, igual ca a larva de diferentes insectos ou o sistema de rodamentos dun carro de combate, entre outros vehículos.

Eiruga, con ese significado, non aparece no dicionario da RAG nin tampouco en calquera dos dicionarios históricos, incluído o Estraviz. Mais se buscamos oruga no dicionario da Academia Española vemos que o da planta é o seu primeiro significado. En portugués as formas eruga e eruca tamén son equivalentes a rúcula. Eruca en portugués tamén define un tipo de lagarta.

Así que nas linguas do noso contorno deuse unha forma que relaciona a planta co insecto. Seguramente en tempos nos que a rúcula non se comía. No castelán, a forma académica segue a ser oruga pero a forza social da palabra é nula. Imaxinade a cara dos concursantes do ‘Top Chef’ se o Alberto Chicote lles manda preparar unha “ensalada de oruga”. Nin con nitróxeno baixan os bechos!

En galego, a palabra rúcula debera admitirse. Está moi estendida, identifica claramente esta herba con gusto picante e está amparada pola presenza no mundo lusófono. Cando falemos de eirugas, canto máis lonxe do prato mellor, non si?

 

Single Post Navigation

7 reflexións sobre “Rúcula

  1. Alberto Villasenin o dixo:

    Gostariame preguntarche acerca do galego na escrita. A miña dúbida esta desde o meu parecer orixinada pola confluencia co castelan no ambiente academico urbanita, e é cando se contraen ou non palabras na escrita no entanto ao complemento directo.
    Beizóns pola paxina no web e folgos para seguires a escribir nel.

    • Ola, Alberto: Se entendín ben a túa pregunta, queres saber se se contrae a unión de verbos en infinitivo máis complemento directo, o que comunmente se coñece pola segunda forma de artigo, exemplificado con aquel mítico “come-lo caldo”.

      Se te refires a iso, na escrita, desde o consenso normativo de primeiros da década do 2000, suspendéronse todas esas contraccións (tamén tódalas e ámbalas cando non son pronomes, por exemplo). Debemos escribir comer o caldo, todas as vidas, ambas as dúas pero cómpre pronuncialas substituíndo o r ou o s por l.

      • Ola, pensaba que se recomendaba escribir “comer o caldo”, pero que era optativo, sendo a forma “come-lo caldo” válida tamén, aínda que se dea preferencia na escrita á primeira.

  2. Xa postos a dicir ‘rúcula’ no canto de ‘eiruga’ (que, por outra banda, me parece moi ben) por que usar o castelanismo claro ‘albaca’ e non ‘alfábega’ ou ‘asubiote’? E cal é o criterio para preferir ‘salvia’ a ‘xarxa’ ou ‘sarxa’? O etimolóxico? Daquela porque non primar a etimoloxía tamén en alfábega?

  3. Pingback: Guisantes e calabacíns | Dúbidas do galego

  4. Pingback: Dúbidas do Galego: Guisantes e calabacíns | The Muros Times

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: