Descansillo
Aínda que moitas palabras rematadas en -illo e -illa se incluíron no vocabulario do galego, a meirande parte delas son castelanismos que podemos substituír con formas propias. Eis o caso de descansillo, que significa zona plana na que remata un tramo de escaleiras. Para substituír o termo incorrecto podemos empregar varias opcións.
A forma máis “familiar” podería ser descanso. A opción de eliminar o diminutivo castelán xa se usa noutros casos, por exemplo en cigarrillo-cigarro.
De todos os xeitos, existen formas máis “tradicionais” que conviría fomentar. Así podemos empregar relanzo, forma metafórica que lle aplica ao descanso entre escadas un termo que tamén define o tramo dun río onde a corrente se fai máis lenta ou o espazo ao redor dun camiño que cambia de socato de sentido.
A única palabra específica para esa peza arquitectónica en galego é escaleirón. “En cada escaleirón a comunidade puxo un extintor”.
Cando falemos da zona plana na que desemboca o tramo de escaleiras exteriores que levan ao sobrado dunha casa, poderemos falar de patín ou patamal. É bo resucitar estes termos da casa tradicional que moita xente só usa para falar da casa vella dos avós; para a nova que fixeron os pais xa prefiren terraza.