Berrinche
Esta palabra é unha das moitas que pairan na órbita do campo semántico infantil. En castelán significa enfado grande, especialmente o dos nenos.
Aínda que é unha palabra usual entre moitos galegofalantes, berrinche é un castelanismo de recente introdución, popularizado polos medios de comunicación. A pouco que nos fixemos na casa, as palabras galegas aínda están na punta da lingua das xeracións maiores.
A palabra recomendada pola RAG é perrencha, que nalgunhas zonas se pronuncia perrincha. Perrencha e berrinche están consideradas fillas da palabra latina verres, que definía un porco macho adulto. Por analoxía, os berros (hai quen afirma que a palabra berro vén do verres tamén) e saloucos dos nenos recordan os dos porcos, nalgúns casos tal parece que ao cativo en cuestión o estean a arrastrar cara ao banco da mata.
Algúns dicionarios galegos tamén propoñen berrincha, forma viva no portugués. Etimoloxicamente é unha solución plausible. No mesmo contexto pódese empregar rabecha.