Dúbidas do galego

Reseña

Confeso que utilizo acotío reseña. Que até hai ben pouco non sabía que esta palabra non está recollida no Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (VOLG), canon do que está admitido na lingua estándar. Esta palabra si aparece nos dicionarios Estraviz e Eladio, que sabedes que para min son os dous mellores traballos lexicográficos da nosa lingua. Así que cando eles as anotaron, habería unha razón. Pensei que a palabra podería estar considerada castelanismo. Mais no portugués tamén existe resenha e non atopei ningunha referencia a que a palabra fose un empréstimo.

Logo de perder o tempo en diferentes camiños, reparei na orixe de reseña é o verbo reseñar, que procede do latín resignare. Este verbo ten como raíz signo (palabra de ampla polisemia cuxa primeira orixe foi marca). Pois ben, a RAG considera que as palabras derivadas de signum e do seu plural signa pasaron ao galego con pouca erosión: sinal, sinalar, sino…

De aí que consideren incorrectas todas as derivacións onde o n se converte en ñ. Mais no portugués conviven as dúas evolucións. Igual que ocorre na lingua viva. Como se chaman os acenos que se fan durante unha partida de brisca de catro ou de seis? Señas! Segundo as autoridades lingüísticas, ese uso é incorrecto. Cando era cativo, en Torneiros, O Porriño, xogabamos a polis e cacos. Se eras do bando ladrón e te cachaba un “policía” librábaste se lle dabas a seña, a palabra popular, tamén existente en portugués, que a RAG proscribe en favor de contrasinal.

Unha reseña é unha enumeración ou un resumo ou comentario, máis ou menos exhaustivo, sobre algún produto cultural. Se queredes cinxirvos ao que manda a norma, a palabra acaída é recensión.

Eu considero que reseña e seña son palabras galegas e seguirei a usalas. Unha curiosidade, nalgúns lugares chámanlle seña a unha aparición fantasmal.

 

Single Post Navigation

2 reflexións sobre “Reseña

  1. “Contrasinal” en castelán dise “contraseña”, polo tanto a palabra castelá “seña”, en galego sería “sinal”, aínda que “señal” tamén se di en galego “sinal”. Respecto a “recensión”, teño que dicir que, no seu lugar, normalmente uso resumo, xa que recensión, non é máis ca un resumo dun texto.
    Por certo, teño que dicir que un sinónimo do verbo “acaer” é o verbo “aquecer”, polo tanto o sinónimo de “acaído” é “aquecido”. Podedes usar a forma que queirades, aínda que eu usaría “aquecer” porque me soa máis galego, mais son gustos de cada un, e eu, persoalmente, non creo que use ningunha desas dúas palabras, xa que normalmente uso outras palabras coas que se me entende perfectamente.

  2. astratto di pomodoro o dixo:

    A reseña ou “recensión” -ambos termos conviven no italiano e incluso se lles engade o termo revisione – implica valoración e criticidade; arredor de criterios e críticas ben se podería engadir algo máis.
    Faise unha reseña dun restaurante, dun libro, dunha película e é algo moi distinto do que un resumo.
    Tamén eu boto en falla esa palabra no noso vocabulario.
    Grazas polo artigo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: