Xudía
Hai unha forma xudía correcta en galego e outra incorrecta. Adiviñades?
Cando falamos da forma feminina da practicante da relixión denominada xudaísmo debemos empregar xudía. A pesar de haber quen considere que xudía non é un feminino coherente con xudeu e prefiran xudea, o caso é que en galego existen outros casos de construción de masculino e feminino do mesmo xeito: sandeu-sandía; meu-miña. Falando de estilo, hai que lembrar que é incorrecto falar de xudías e xudeus como un grupo étnico xa que o elemento cultural que os define é unicamente a relixión. Antigamente houbo polacos, rusos, franceses e tamén galegos xudeus e os habitantes de Israel hoxe en día deben ser denominados como israelís. Practican o xudaísmo hoxe en día tanto arxentinos coma ucraínos e etíopes, entre outros grupos.
A xudía que debemos evitar no galego estándar é a que define a vaíña dos feixóns que normalmente se come cocida e adoita ser de cor verde ou branca. Segundo a norma, a forma xudía en galego é castrapo, adaptación fonética do castelán judía. En castelán, judía define tanto a vaíña coma a semente. No galego, esa semente chámase feixón ou faba, tamén fabeira ou chicho.
É recomendable substituír xudía por feixón verde. Así é tamén en portugués. Persoalmente, nunca escoitei esta forma na lingua viva. De aí a dificultade para que se restitúa. Unha vez pedinlle á miña nai feixóns verdes e contestoume: “Verdes? Para que os queres verdes? Espera a que amaduren”. Non é que miña nai sexa parva, é que no imaxinario común o feixón define a semente. E as cores aplicadas á semente son outros: feixón pinto, feixón preto…
As casulas tenras son outra cousa. E a palabra xudía é inequívoca. De aí que posiblemente sexa conveniente permitir o seu uso como empréstimo do castelán. En realidade, na miña casa as xudías son verdes mais tamén brancas. Como lles chamamos a eses feixóns: feixóns verdes brancos?
Como dúbida. A Festa da Istoria celebra unha “Voda xudea” ou unha “Voda xudía”?
O correcto sería dicir voda xudía. Xudea en galego só é nome propio aplicado á rexión histórica creada polo Imperio romano que englobaba territorios hoxe pertencentes a Israel e Palestina. Graciñas por comentar.
Este consello lembroume algo que lin, non hai moito tempo, acerca da diferencia entre “haba” e “faba”.
http://kcy.me/xzxs
Polo visto, as nosas fabas son as “alubias”. Isto comenteino na casa, comparando unha faba das que se usou toda a vida (as de Lourenzá) cun ‘haba’ que apareceu no medio dunha minestra conxelada, e o meu pai dixo que aquela bóla verde mal feita era o que coñecían como “fabote”. No DRAG non aparece ese termo, mais si que contempla ‘faboco’ e ‘faballón’ e eu deduzo que se referirá a este último.
Graciñas, Javier, por achegarte por esta casa 🙂
Pois eu a eses é aos que lles chamo fabas, porque os outros son feixóns na miña terra.
Pingback: Guisantes e calabacíns | Dúbidas do galego
Tomar unha decisión normativa que contente a todos creo que é imposible pola cantidade de variantes que hai para chamarlle aos diferentes tipos de legumes e a confusión que crea. Na miña terra chamámoslle xudía á cornella tenra e tamén á semente cando é de cores porque despois ás brancas que se deixan secar para o cocido chamámoslle feixóns, ó que polo norte lle chaman faba (a de Lourenzá) e faba utilizámolo para a grande, á que noutros sitios lle chaman fabón, faballón, faba loba, etc. Por Arcade, Pontevedra, Poio e outros sitios da costa máis ó norte teño noticia de que lle chaman garvanzos ao feixóns e garvanzos castellanos aos garvanzos; por Ribeira chámanlle aos feixóns nentellas e lentejas ás lentellas. Parece un trabalinguas, seino, pero a cousa inda se pode complicar máis. Para as xudías ou feixóns verdes teño noticia de que por Ourense lle chaman vaxas ou varxas. Por non falar das ervillas, por Mos dicimos ervillas, un pouco máis ó norte por Pontevedra e Poio xa din ervellas, pero é que en Santiago xa non teñen nin idea do que é iso, chámanlle chícharos, que polo visto é a forma máis estendida, e non se confundan cos chichos que volven ser feixóns… Este tema daba para un traballo de campo, é coma a folla do piñeiro, en cada parroquia ten un nome. Que afortunados somos de ter unha lingua tan rica!!!
Pingback: Dúbidas do Galego: Guisantes e calabacíns | The Muros Times