Zagueiro
Xa teño falado de como a norma do galego estándar é bastante restritiva co vocabulario futbolístico e deportivo en xeral. A palabra zagueira-o co significado de xogadora ou xogador que fai labores defensivas nun equipo, especialmente no fútbol, é considerada incorrecta. O VOLG recomenda cinxirnos á palabra defensa.
Zagueiro é un empréstimo do español de América –seguramente da Arxentina ou do Uruguai–, xurdido da imaxinación dalgún locutor de radio que ficou sen sinónimos suficientes para o seu relato minuto a minuto dun partido de fútbol. Porque esa é a razón principal de que no vocabulario deportivo haxa tantos sinónimos. Imaxinades a transmisión dun partido en base só a quince ou vinte palabras? Hoxe son malos os tempos para a locución deportiva. Nas Galegas (radio e televisión) non houbo un profesional digno de tal nome des que Manuel Pampín deixou a sección de Deportes. Nas cadeas españolas a cousa aínda é peor. A narración non enriquece e é por iso que lles cómpre a cada redactor un “comentarista” que polo menos engade datos relevantes sobre táctica, historia ou curiosidades aínda que o seu estilo comunicativo sexa case sempre escaso.
Diante desa necesidade de palabras que amplíen o campo semántico do deporte, no Brasil (país no que a locución deportiva é unha arte) adoptaron e adaptaron o zaguero austral ao zagueiro que se converteu en palabra principal para lle chamar ao que no noso fútbol é un defensa central.
A palabra zagueiro non ten nada en contra para se incorporar ao galego correcto. Un zagueiro sería un membro da zaga, palabra que curiosamente si se admite no dicionario da RAG co significado de parte posterior dalgunha cousa ou, velaí a incoherencia, “a defensa dun equipo de fútbol”.
Zaga é un empréstimo do castelán, tomado da fala andalusí saca (retagarda), xa presente no portugués na Idade Media coa forma de saga. Definiu durante séculos o conxunto de tropas que durante unha batalla permanecían na parte de atrás, con labores de defensa do seu arraial (acampamento e zona onde permanecían os reis, nobres, mestres de campos e demais altos oficiais). O paso dun termo militar á linguaxe futbolística é moi común: atacante, ariete, canonazo…