Dúbidas do galego

De boquilla

As frases feitas ou os bordóns discursivos son automatismos lingüísticos que penetran na nosa expresión logo de escoitalos repetidamente. Nun contorno de diglosia coma o noso, no que o castelán é abafante nos medios de comunicación, as expresións de fóra –empregarei unha linguaxe máis propia da bioloxía– van parasitando pouco e pouco a nosa forma habitual de falar o idioma. E este cambio expresivo é viral: vai “colonizando” os individuos dun grupo, ás veces só durante unha tempada: as modas expresivas son máis comúns entre a mocidade; ás veces para sempre, especialmente se esas formas “invasoras” proceden do contorno familiar ou de espazos que consideramos de autoridade –isto non significa que teñan maior calidade lingüística, a televisión é un destes espazos emisores con grande éxito.

Unha das expresións castelás que se empregan acotío en galego (hai centos) é “de boquilla”. Esta frase provén en orixe dos xogos de naipes. Significaba facer unha aposta sen pór diñeirona mesa. Hoxe amplíase a calquera frase pronunciada finxindo veracidade sen maiores probas. “Eso lo dices únicamente de boquilla, no tienes pruebas de que sea amigo de un narcotraficante condenado”.

Hai semanas vin como alguén en galego empregaba o castrapismo “de boquiña”. Na maioría dos casos, non é recomendable calcar a expresión castelá. Seguramente, xa que son linguas en contacto histórico desde sempre, haxa semellanzas en moitas delas mais cómpre encontrar esa adaptación xusta para que non renxa, para que pasemos de adoptar unha frase feita a reivindicar esa parcela de identidade que florece cando lle damos ao idioma que usamos o aroma das frases feitas propias.

Para substituírmos de boquilla podemos usar a máis común “boca fóra” ou “de boca para fóra”. No galego atopamos unha variante ou outra segundo a zona xeográfica.

Sentistes outra expresión para este significado?

Para profundar no tema de como expresar en galego correctamente frases feitas alleas podedes fincarvos no excelente traballo que fixo Carlos Callón nesa parte específica do libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez. Seguro que se vos fixades na maneira de falar dos vosos maiores aínda encontraredes máis formas xenuínas.

Single Post Navigation

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: