Dúbidas do galego

O Tesouro do Léxico Galego e Portugués

Teño unha ampla familia, toda galegofalante. A de sempre vive máis ou menos concentrada nas comarcas do Paradanta e Vigo. A nova, a que tomei da miña muller, Eva, vive entre a Limia (iso de Alta e Baixa é un pouco cacofónico) e Catalunya. Despois de catro décadas fóra seguen a manter o sotaque limiao e un vocabulario que a min se me fai peculiar por ser orixinario doutra comarca.

Cando a Eva falaba de rabisacos, de celamíns ou de carraspiños a min faltábame o tempo para ir aos dicionarios averiguar que significaban esas palabras. Nalgúns casos tiven éxito, noutros aínda sigo na busca. O mesmo me pasou na Maraña e en Cequeliños, onde o cadal de palabras herdadas dos meus avós, aínda que moi diminuído polo paso do tempo, se mantén en ducias de expresións propias da nosa familia, compartidas ás veces coa veciñanza e outras propiamente nacidas da experiencia da casa.

Por exemplo, miñas tías maternas (teño cinco) poden recibir a alguén cun sorpresivo: “Puxécheste ben basilio con dous días que fuches á praia”. Basilio? Para alguén de fóra do contorno inmediato soaralle a chinés. Pois ben, o enigma ten sinxela solución: o meu avó materno, que se chamaba Baltasar, tivo a ocorrencia, nalgún momento entre o 1970 e o 1980 de tomar o cantante Basilio (un panameño cuxo nome completo era Basilio Fergus Alexandre) como metonimia da negritude. O exitoso intérprete de “Cisne cuello negro cisne cuello blanco” pasou a definir co seu nome de pía non unha persoa negra senón alguén que adquire esa cor, ben por broncearse ben por andar na terra ou na borralla. “Andamos teu pai e mais eu basilios de todo cavando nas baleiras”, pódeche saltar miña nai.

O vocabulario popular está considerado coma un tesouro pola filoloxía, pola literatura e –debería– polas autoridades de Galicia, xa que a construción lingüística é un esforzo de séculos que se foi elaborando peza a peza coma quen coloca teselas no mosaico da cultura, orgullosa mostra do que somos diante do mundo. E como interesado nas palabras, na súa orixe e na súa pervivencia, estou encantado coa iniciativa do Tesouro do Léxico Galego e Portugués que se pode consultar aquí. É unha base de datos moi valiosa (aínda que incompleta) que agardo se vaia completando, unha ferramenta máis para aprendermos xa non só que significa unha palabra senón en que lugares está viva.

Para moitos, o galego normalizado é unha especie de morto vivente construído con palabras mortas. É unha visión reducionista. Moitas das palabras que damos por enterradas (porque non as oímos no noso contorno) gozan de boa saúde noutras latitudes. O Tesouro axúdanos un pouco a saber onde.

 

Advertisement

Single Post Navigation

3 reflexións sobre “O Tesouro do Léxico Galego e Portugués

  1. Xenial ferramenta! Grazas!
    Aproveitei para procurar un termo que na revisión do meu libro lles chamou a atención aos correctores, mais tampouco aparece! Na Mariña (alomenos en Burela, Cervo, Foz…) empregamos “deitar” con “ben” anteposto co seguinte significado (a ver se me explico ben…):
    “Ben deitas que che gardei un sitio” (menos mal que che gardei un sitio, [ou non habías ter onde sentar])
    “Ben deitades que fai sol” (xa podedes agradecer que fai sol, [ou non habiades poder facer o churrasco]).
    Por aquí por Vigo non lle soaba a ninguén a expresión, pero ao consultalo pola miña zona todo o mundo me decía “pois claro! Ben deitas!” 🙂
    Alégrome de ter convencido ao corrector de mantelo no libro, un anaquiño cervense 🙂

    • Ás veces até a nós mesmos nos sorprende a riqueza léxica de Galicia, tendo en conta a súa dimensión xeográfica e demográfica. Xa o dicía Vicente Risco: “dicides que Galicia é pequena; eu dígovos que Galicia é todo un mundo”. Gústame moito esa expresión de ben deitar aínda que a min me descoloque un pouco pola imaxe do verbo deitar á que estou afeito. Graciñas polo comentario e boa sorte co libro.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: