Zanxar
En varias ocasións temos falado de palabras aparentemente galegas pero que en realidade son adaptacións do castelán á nosa fonética. Estas palabras conforman a base lingüística do que denominamos comunmente como castrapo, é dicir, un xeito de se expresar en galego baseado no corpus léxico do castelán.
O verbo zanxar e o substantivo zanxa forman parte do castrapo e polo tanto debemos evitalos cando falemos en galego. En castelán, zanjar ten un duplo significado: por unha banda define o acto de cavar regos ou gabias, pola outra, “eliminar todas as dificultades e inconvenientes que poidan impedir a terminación dun asunto ou negocio”. No primeiro dos casos, en galego utilizaremos formas como cavar, escavar ou gabiar. O matiz de cada significado depende do sentido da frase. No segundo significado temos que buscar formas acaídas ao contexto: arranxar, resolver, rematar, dar por terminado…
Zanjar deriva do verbo español sanjar (pouco utilizado) que define cortar carne. A orixe primeira é o francés antigo jansier, que significaba fender. Da figura de dar talladas a lingua aproveitou ese significado de rematar un tema. Por iso en galego temos outras opcións válidas como cortar, parar ou atallar. “Zanjó la polémica con la destitución de tres concejales”. “Parou (atallou, resolveu…) a polémica coa destitución de tres concelleiros”.