Dúbidas do galego

Just another WordPress.com site

Austericidio

Hoxe, nunha tertulia de radio, escoiteille a José Antonio Zarzalejos empregar a palabra austericidio. O ex director do ABC é unha persoa culta, que usa o castelán con propiedade e case nunca se deixa arrastrar polos tópicos erróneos que pragan a maior parte das tertulias. Cando lle sentín a el este neoloxismo, pensei que quizais quedou para ficar.

E aínda que me refiro ao castelán, é obvio que a palabra austericidio tamén se integrou na lingua galega, especialmente na boca dalgúns políticos. A líder de Izquierda Unida en Galicia, Iolanda Díaz, non a quita da boca. Habería que repasar as actas do parlamento para ver se nalgunha das súas intervencións prescindiu deste termo.

Austericidio é un neoloxismo ilóxico. O seu significado vén ser “réxime tan dominado polas políticas de austeridade que estas desembocan en morte para os menos favorecidos”. Mais a súa estrutura non nos indica iso, senón todo o contrario. Un austericidio debería definir algunha política ou teoría social que conducise á eliminación da austeridade ou dos austeros. E é así porque o sufixo grego -cidio indica a morte da raíz que a precede: homicidio significa morte de home; feminicidio, morte de mulleres; xenocidio, morte dunha etnia ou un colectivo de persoas unidos por razóns culturais, ideolóxicas ou territoriais.

Considero que a palabra austericidio é un invento ben exemplificador da torpeza dialectal da esquerda na actualidade. Ao primeiro a quen lla escoitei foi ao deputado de Izquierda Unida Gaspar Llamazares, médico de profesión, que debeu esquecer as regras básicas de construción de neoloxismos tan habituais na súa disciplina para empezar a difundir unha definición errónea para condenar unha ideoloxía empregando a linguaxe do adversario.

Porque o termo austeridade non ten un nesgo político negativo: “Que se caracteriza pola súa gravidade e severidade moral, que non permite para si mesmo ningún pracer ou cousa superflua”, ten como principal definición de austero o dicionario da RAG: gravidade e severidade moral, afastado do pracer e do superfluo. Unha persoa austera non é a máis indicada compañía para unha festa no Algarve, mais alguén pensa que son factores que restan votos? 

A comunicación desde a esquerda ten unha eiva complicadísima: o panorama de medios de comunicación dominantes están ao servizo da dereita. Mais aínda así precisan espremer o cerebro para procurar orixinalidade e rachar a arañeira de mentiras. Porque a famosa austeridade non é tal cando se trata de rescatar bancos ou empresas de autoestradas con miles de millóns de euros. Non é a austeridade a que nos mata, é xustamente o malgasto e a orientación ideolóxica a prol das grandes fortunas o que crea a sensación de empobrecemento xeneralizado.

Austericidio quizais permaneza entre nós unha tempada, igual ca os selfies, o gintonic ou os runners. E se goza de boa saúde é porque ao discurso dominante lle interesa que a pelota estea no campo da austeridade, non no de conceptos como saqueo, empobrecemento, abuso de poder ou parasitismo rendista.

Advertisements

Single Post Navigation

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: