Follar
A lingua relativa ao sexo é das máis ricas, en calquera lingua. Nunha tradición cultural dominada pola hipocrisía, o tabú e a culpa, tal foi a historia da Galicia católica nos últimos 600 anos, o pobo buscou o xeito de revirar as palabras, ir creando eufemismos e metáforas para nomear os elementos que participaban nos xogos do erotismo.
Por iso é máis triste que nos últimos tempos se estea a substituír o vocabulario de noso por un simplísimo feixe de palabras, moitas delas españolas.
A máis estendida nos últimos tempos, grazas á televisión, é o verbo follar. En castelán, este verbo tanto significa practicar o coito coma molestar, seguindo a vella tradición de asimilar as palabras do campo semántico do sexo non co pracer senón co incomodo (na mesma liña, o joder castelán e o foder galego).
Follar é unha palabra que hai pouco entrou no dicionario. Suponse que vén de fol (viría significar darlle ao fol, unha imaxe ben acomodada ao ritmo do coito) e até hai unha década, máis ou menos, era un madrileñismo vulgar.
En galego debemos prescindir deste verbo e substituílo por formas propias. A máis común é foder. Mais de tanto usala e por mor de tamén significar crear fastío, acabou por saír un tanto da linguaxe erótica. Aínda así, está presente na sabedoría popular: “Sempre me fodes, nunca me empreñas”, di a cantiga.
Outras palabras axeitadas para definir o acto sexual son fochicar ou trebellar. Na miña familia falamos de pinar (verbo que recolle o Estraviz, xa sabedes, o mellor dicionario en galego polo número de entradas). De pinar proceden os substantivos pinada e pinadela e o adxectivo pinante. Mais coidado coa palabra pinante porque nalgunhas zonas chámanlle así ao xurelo e noutras define algo fermoso ou axeitado. “Esa camisa quédache pinante”. Eu, afeito a oír pinante co significado de home mullereiro ou moi quente da virilla, quedei branco cando lle escoitei estoutra frase á avoa da miña muller na Limia.
Se nos poñemos cultos, podemos usar o verbo copular. Fornicar define só o acto sexual fóra do matrimonio.
Hai tamén maneiras de aludir ao acto sexual mediante perífrases: botar un foguete ou un canivete; deitar auga no muíño, facer as estivadas… Como dicides na vosa zona?
A orixe do castelán “follar” non está en fol (cast. “fuelle”) senón no FULLARE latino, co sentido de calcar, esmagar, premer, tripar, pisar, de aí o castelán moderno “hollar”. Follar debe ser ou castelán arcaico ou un préstamo asturleonés (polo mantemento do F- inicial).
E “pinar” e unha formación sobre “pin” (órgano xenital masculino), non ten que ver con meterse entre arboredo ningún, como teño lido por aí.
A min, do léxico sexual galego hai unha voz que me encanta, o “faime-rir”, porque se refire por igual aos órganos sexuais feminino e masculino, tanto é cona coma carallo porque os dous “fan rir”. Por iso me esmendrello a rir cando hai quen traduce o castelán “hazme-reír” (fue el hazmerreír del Parlamento”) polo galego “faimerrir”, e non che o mesmo, non ho.
Parabéns por esta páxina e por permitires comentarios, achegas e suxestións.
Mil grazas polas explicacións, matices e sobre todo por contarnos as diferenzas entre un faime-rir e un hazmerreír. Apertas
Hai pouco tempo que veño escoitando o pasodoble popular “O caneco”, que comeza dicindo: “Miña nai a min berroume por botar un ferrancholo…”
Por máis que busco o significado de ferrancholo, incluso no Estraviz ou no Dicionario de dicionarios da Universidade de Vigo, non lle dou atopado outro significado que o sexual de foder (como botar un casquete, un canivete, etc.), pero non me cadra co contexto en que se desenvolve a letra, que evidente xoga co dobre sentido da palabra sin que eu dea atopado por ningures ese dobre sentido.
Saúdos
Graciñas polo comentario, Eduardo:
Así sen coñecer o contido da canción, non sei que che dicir. Ferrancho vén sendo algo así como a chatarra mais tamén algún ferro, sen máis. O simbolismo do ferro no sexo é obvio: duro, case sempre con forma fálica… O ferro ten connotacións virís desde hai moito tempo. Tamén diabólicas, xa que sae da terra e se domina a través do lume. Na Idade Media, os ferreiros tiñan sono de andaren en tratos con Satanás. A relación entre o diaño e o sexo non fai falta que cha explique. Apertas
Concordo que en galego temos que dicir foder ou pinar.
Meu avó, que era de Mesía (provincia da Coruña), dicía: ‘botar un ferrete’