Dúbidas do galego

Just another WordPress.com site

Bo rolo

Cando estudaba Xornalismo en Santiago e compartía moitas horas cos meus compañeiros de clase: Tomás Lixó, Carlos Meixide, Carlos Méndez, Félix Aragunde, Xes Chapela, Belén Regueira, Helena Domínguez… buscabamos centos de formas de entreter as horas que mediaban entre o final das clases, o xantar na facultade de Medicina e a volta ás aulas. Recordo as chanzas sobre neofalantes en galego, daquela moi habituais en Compostela. En realidade, todos os que procediamos de cidades eramos neofalantes pero había determinadas frases que lles escoitabamos a algúns estudantes que nos facían especial graza, sobre todo “de puta nai” e “bo rolo”.

Daquel tempo pasaron case 20 anos e sospeito que xa pouca xente di iso de bo rolo; máis ben dirán bo rollo en frases en galego sen sequera repararen en que é unha forma castelá.

A palabra rollo é desas comodín en castelán. Á parte de definir un obxecto de forma cilíndrica, ten varios significados. Para cada un deles, o galego ten unha forma propia.

O rollo como obxecto en galego é rolo. “Pásame o rolo do fío, por favor”. “No Museu do Cinema de Melgaço gardan rolos de películas antigas”.

Para o significado de rollo como persoa ou cousa aborrecida: “Tu primo es un rollo, no saldría con él ni muerta”, utilizaremos adxectivos do tipo pesado, aborrecido, trosma ou prosma e prosmeiro. “O teu curmán é un prosma, non sairía con el nin morta”.

Cando falemos de rollo no sentido de relación amorosa ou sexual, pasaxeira e superficial: “Lo que tuvimos Miguel y yo no se puede considerar ni rollo”, utilizaremos os substantivos flirt, aventura ou namorisco. “O que tivemos Miguel e mais eu non se pode considerar nin flirt”.

Rollo tamén pode aludir a un texto que se vai escribir ou ler en público: “¿Preparados para el rollo, chicos? Esta noche el catedrático viene inspirado”, dúas palabras poden servirnos en galego, aínda que ningunha aparece no dicionario da RAG: papiro e parzamique. “Prontos para o papiro, rapaces? Esta noite o catedrático vén inspirado”. A orixe de parzamique vén da oración das Leccións de Xob que se lía o Día de Defuntos e que empeza por ‘Parce mihi, domine’. Como tampouco vén no dicionario DRAG, teño que dicirvos que amais de discurso enfiado tamén pode significar leria: “Quedaron de parzamique até as tantas”.

Finalmente, cando falemos de rollo como sensación ou impresión, “Esa casa me da mal rollo”, en galego temos que ter moi en conta a graduación do sentimento. Por exemplo, a frase que utilizamos como exemplo pódese traducir: “Esa casa dáme mal corpo”. A forma corpo pode utilizarse tamén en positivo. “O partido que lles gañamos aos madridistas xa me daba bo corpo desde o primeiro minuto”. Mais se utilizásemos “Esa casa dáme respecto”, non fai falta gradualo porque nese contexto respecto equivale a unha sensación parecida ao temor.

O bo rollo co que empezamos este artigo tamén ten outro significado, aínda non sancionado polas autoridades lingüísticas castelás: equivale a algo feito con simpatía ou sen ánimo de ofender. “Te entré de buen rollo y tú empezaste a gritar”. Neste caso, o importante é fuxir da frase feita en castelán. “Funche de bo xorne (ou sen maldade, sen malicia, ou polas boas ou de boa fe ou ás dereitas…) e ti empezaches a berrar”.

Seguro que na vosa casa ou comarca hai expresións propias para definir ese xeito de ver a vida e as relacións cos demais. Practicádeas para que non se perdan.

Advertisements

Single Post Navigation

2 reflexións sobre “Bo rolo

  1. Belén Regueira o dixo:

    Hai algún manual de galego ou libro de autoaxuda pensado especificamente para as necesidades e dúbidas dxs neofalantes (e desde o bo rolo)? Sería de puta nai :D.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: