Dúbidas do galego

Felipe VI

Como apenas temos prensa en galego non houbo un “gran debate” sobre o nome do futuro rei de España. Temos que chamarlle Felipe, en castelán, ou Filipe, en galego?

Na CRTVG escollen a vía da galeguización. Mentres que lle seguen a chamar ao presidente da Xunta Alberto e non Alberte e ao conselleiro de Cultura Jesús e non Xesús, consideran que o rei español (en funcións) debe ser nomeado como Xoán Carlos Primeiro de Borbón e Borbón.

Noutros medios utilizan os nomes en español, en coherencia co resto da onomástica foránea e incluso propia. Son medios que non traducen os nomes senón que reflecten, nos casos correspondentes, as persoas que se autodenominan en galego. Falan de José Ramón Gómez Besteiro e de Xosé Manuel Beiras.

Neste tema, o primeiro que hai que definir é cal é o nome correcto en galego. Felipe é unha variación (recente) do nome grego Philhippos (amante dos cabalos). Á Península Ibérica chegou no século XIV. Philippe e Philippa eran nomes de uso nobiliario nos territorios do reino de Francia e do ducado de Borgoña e aos poucos foise estendendo pola onomástica da clase dominante de Centroeuropa. A inglesa Filipa de Lancaster (ou de Lancastre, a adaptación portuguesa) casou co primeiro rei da dinastía Avis en Portugal.

Na Coroa de Castela-León-Navarra o primeiro Filipe rei foi o chamado Fermoso, casado con Xoana I de Trastámara, xermolo da dinastía de Habsburgo que deu despois os reis Filipe I, II, III e IV.

O segundo tema é a comenencia ou non de traducir o nome do futuro Felipe VI. Neste campo hai dúas “receitas”. Os que consideran que entre os dereitos herdados polo actual monarca están os derivados do poder sobre Galicia e, polo tanto, por ser un rei “galego”, aínda que sexa só en parte, deberiamos traducir o seu nome: Filipe VI de Borbón e Grecia.

Esta “escola” ten unha vertente, chamémoslle universalista. Copiando o modelo da Real Academia Española, consideran que a onomástica debe adaptarse sempre ao idioma galego cando falamos de membros das casas reais. É dicir, falaremos de François Hollande mais de Alberte de Bélxica; de Angela Merkel mais de Carlos Gustavo de Suecia. Esta liña era xeral en toda a onomástica estranxeira até hai poucas décadas. Na Enciclopedia Sopena que compraron meus pais a prazos na década do 1970 chámanlle a Darwin Carlos e a Shakespeare Guillermo. Considero que é unha técnica anticuada. De feito, a propia dinámica social encárgase por si mesma de eliminar esta tendencia. Comparemos cantas veces aparece na prensa española o nome de Kate Middleton e cantas veces Catalina de Cornualles. De feito, a primeira gran contradición deste modelo é manter o nome de Letizia con zeta. Se hai que traducir os nomes, non debería impoñerse o ortodoxo Leticia?

Outros achan que a orixe do poder do rei é un Estado asentado sobre a idea da preeminencia castelá sobre as demais culturas e, polo tanto, marcan a relación foránea do monarca con Galicia mantendo o nome orixinal. Neste caso o habitual é chamarlle Felipe VI de Borbón Grecia.

Na miña opinión, debe terse en conta a relación dos monarcas co propio territorio galego. Primeiro porque Galicia foi un reino desde o século V até o século XIX e segundo porque historicamente, incluso aqueles reis que primaron a coroa de Castela sobre todas as demais que cinxían a un tempo, xuraron implícita ou explicitamente tamén como reis de Galicia. É obvio que debemos traducir ao galego os nomes de todos os reis do medievo, tanto os propios reis de León-Galicia: os Vermudos, Afonsos… coma tamén os reis nacidos e criados en Castela ou Andalucía mais que eran, por dereito, depositarios da coroa de León e Galicia: Henriques, Xoáns e Xoanas, Filipes, Luís I… Hai que lembrar que no brasón oficial da coroa imperial de Carlos I aparecía, entre as moitas insignias, o cálice en campo de cruces que representa a Galicia desde o século XV-XVI.

O cambio debe darse, ao meu ver, logo de que as reformas centralistas dos borbóns supoñan o final efectivo e legal do reino de Galicia. No momento no que se apaga o reino propio xorde un conflito (expresado coas armas na man, por exemplo na revolta provincialista do 1846) entre a estratexia homoxeneizadora e centralista da corte de Madrid e as lexítimas reivindicacións dos dereitos históricos. Nese momento, os reis son foráneos e deben considerarse como tales: Alfonso XII e XIII, Juan Carlos I, Felipe VI.

En canto aos demais nomes reais estranxeiros, son partidario de respectar a súa grafía: Elizabeth de Windsor; Willem-Alexander de Oranje-Nassau, Margrethe de Slesvig-Holsten-Sønderborg-Lyksborg, raíña de Dinamarca…

O único caso no que é conveniente pór o nome en galego é no do papa. A súa figura ten unha trascendencia universal (católico significa universal) para os crentes e cada cultura debe aproximarse á súa figura na propia lingua. De feito, o pontífice cambia o seu nome anterior para achegarse a todos máis alá das fronteiras culturais. No caso actual Francisco, antes Bieito XVI ou Xoán Paulo II. Curiosamente, en Ourense o cartel dunha céntrica avenida pon: Rúa de Juan XXIII. Iso é puro castrapo e complexo de inferioridade.

Os apelidos poden ou non ir precedidos da preposición de xa que é unha marca antes xeral na onomástica e que hoxe se intenta conservar para indicar superioridade social. Caso evidente foi o de Mª Dolores Cospedal, que “inventou” un de Cospedal cando se converteu en alta funcionaria do Estado. Felipe VI Borbón Grecia sería unha redacción correcta nun texto en galego.

 

 

Advertisement

Single Post Navigation

Unha reflexión sobre “Felipe VI

  1. Os nomes non se traducen.
    E a prensa que temos en galego é :
    Xornais dixitais : Sermos Galiza, Novas da Galiza, Galicia Confidencial, Praza Pública, Galicia Hoxe, Diario Liberdade, Código Cero…
    Xornais en papel : Sermos Galicia e Novas da Galiza
    Tele : G e G2
    Radio : Radio Galega, Radio Galega Música, RadioVoz, Son Galicia Radio

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: