Palomita
En galego, a palabra castelá paloma debemos substituíla por pomba, cando nos refiramos á ave. Paloma é unha palabra con moitos significados en castelán, especialmente na lingua vulgar. Sería un erro traducir en todos os casos a paloma castelá pola pomba galega. Nalgúns casos, como hueso palomo, a tradución ao noso idioma sería cóccix ou óso cóccix. Nos casos de significados especializados (en fontanaría, medicina…) debemos acudir á palabra culta xa que na meirande parte dos casos, esas definicións son populares e cambian dun lugar a outro.
A cría da pomba non se di pichón en galego (este é un italianismo no castelán, seguramente porque de alá trouxeron o costume de comer os polos de pombo). Porque o pichón é unicamente o pito de pombo caseiro, é dicir, aquel que se criaba para comer. A pomba era un animal moi consumido en Galicia, de aí que en case todos os pazos haxa pombais. Para definir tanto o fillote da pomba coma o prato confeccionado con esta ave debemos empregar pombiño ou pombo. “Fai un guiso de pombo (ou pombiño) que é unha delicia”.
Pichón tamén se usa para referirse a alguén cariñosamente. Nese caso utilizaremos calquera dos substantivos afectivos do idioma. Rula ou rola, amais de definir a ave (por certo moi semellante á pomba) tamén serve para este contexto: “Ruliña, dáme un bico, ho”.
No castelán as palomitas definen o gran de millo tostado e rebentado que se consome con sal ou azucre. O galego estándar aconsella usar floco de millo. “Cómprame uns flocos de millo e unha auga”. O problema é que floco é unha palabra da que o galego estándar abusa na tradución de produtos “novos” na nosa alimentación. Porque, sen saír do exemplo, que lle compramos? Porque flocos de millo tamén son os cereais para o almorzo, a non ser que sexan feitos de trigo, que entón si que son flocos de trigo ou flocos a secas. Demasiados flocos tendo en conta que un floco tamén é o conxunto de fíos que se desprenden dun tecido e a porción de cabelo que cae sobre a testa (a perrera).
De aí que tendo en conta que o millo rebentado é un invento moderno e non hai necesidade de confundir os falantes con polisemias pouco xustificadas, o mellor é acudirmos ao portugués. Alí, o popcorn inglés chámase pipoca, unha bonita palabra de orixe tupí (a cultura indíxena do Brasil, entre outros países actuais). “Non che compro pipoca que fas moito barullo ao comela e non dou visto a película”. Floco queda para definir o cereal que comemos mollado en leite.
No fútbol en España, unha palomita é unha parada realizada cos pés no aire e o corpo completamente estirado. En galego non existe un termo concreto para ese movemento (en inglés chámanlle diving save). Debemos usar estirada ou inventar algún outro nome. Non é tan estraño isto último, tendo en conta que a palomita en Chile, por exemplo, define un remate de cabeza en prancha, coas pernas no aire.
O fútbol leva só 120 anos entre nós. Podemos actualizar o seu campo semántico. Se non, outros farano por nós.
Hai que ter en conta que por POMBO tamén se entende o que é en castelán “Paloma torcaz” (Columba palumbus) e existe a expresión “Matar dous pombos dun cantazo/tiro”, polo que para o de “pichón” penso que sería menos problemático unicamente pombiño.
E parabéns por estas reflexións e orientacións léxicas, sempre tan necesarias.
Graciñas por enriquecer os artigos 🙂
Dicir “pipoca” para referirnos ás “palomitas”? Penso que “pipocas” sería o máis cómodo á hora de usar a palabra
Por suposto. O que ocorre é que no Brasil en moitas ocasións fálase de pipoca en singular para definir un caneco ou unha bolsa, de aí que non reparase na inexactitude. Graciñas por comentar.
Eu estou de acordo niso.
Curiosamente, en Santiago, no mesón Os Catro Ventos, no que comía cando era estudiante, chamábanlle “palomitas” ás típicas xarras de cerámica branca nas que se serve o viño do Ribeiro, que alí tiñan en versión individual (cuarto litro) e que utilizábamos para beber directamente delas.
Evidente é un castelanismo pois o nome fai referencia ao parecido remoto da xarra vista de perfil cunha pomba (algo rechoncha, iso si), na que o picho sería o peto e a asa sería a cola.
Un saúdo
Eduardo
Si, agora que o dis, recordo ese nome, incluso como medida de líquidos. Graciñas por comentar.
Eu pensaba en palometa para o fútbol (e o peixe). E habería que falar respecto a/de + esa peza de ferro que se insire nos parafusos por detrás con forma de porca con ás para apretar mellor, como nas serras de marquetería.
Graciñas polos teus comentarios
Usar palometa cando esteamos falando de fútbol? Bueno, a falta de palabras galegas no ámbito deportivo, todas as propostas son benvidas, con tal de non usar castelanismos.
Na último frase non estou de acordo contigo, nós somos os que falamos galego e dependendo das palabras que utilicemos, aceptaransen ou non, e polo tanto somos nós os que introducimos novas palabras.
E digo eu, tal e como estamos de palabras no ámbito deportivo, custaría traducir o FIFA ao galego. Eu teño a PSP e a PS VITA e a verdade é que non hai ningún xogo para eses consolas (nin para ningunha consola, en xeral) que estea en galego. E despois, nas películas, hai varias en galego, pero ningunha das películas do trinque están en galego (Need for speed, A todo gas, Os vingadores, Piratas do Caribe, os 3 primeiros episodios de Star Wars nin o episodio 7), así o galego perde bastante terreo.
Por certo, eu teño unha dúbida : Cando hai que usar nós e cando nosoutros? Que u sepa nós é para un grupo indefinido e nosoutros cando ben se sabe quenes son, para un grupo ben definido. Pero, aquí vén a dúbida, se eu estou falando dos galegos (que é un grupo bastante numeroso) e ben se sabe que estou falando dos galegos, ahí que hai que usar : nós ou nosoutros?
Ah,si! Algo que se me esqueceu pór antes : Porque no dicionario dixital da RAG non aparece desbrozar nin desbrozadora? Que eu sepa é unha palabra moi común ou, polo menos, eu escóitoa a miúdo.
O dicionario da RAG é unha ferramenta moi útil e accesible para coñecer o modelo estándar do galego. Mais o léxico propiamente galego vai moito moito máis alá. Broza e polo tanto desbrozadora son palabras galegas, amplamente usadas. Graciñas por comentar.
Tes razón cando afirmas que en galego apenas hai traducións de xogos. Unicamente hai dúas vías para conseguir que iso mude: que os propios usuarios demandedes produtos en galego, polo tanto tedes que comunicarvos coas compañías distribuidoras e queixarvos. E dúas: que o Goberno invista diñeiro e esforzo en facerlles entender a esas compañías que traducir eses xogos ao galego é rendible, non só desde un punto de vista económico a curto prazo. Por exemplo, R usa o galego desde hai moito tempo; houbo quen pensou que era unha política errada porque o galego non importa maioritariamente na decisión de compra pero ao final si inflúe porque o consumidor comprador detecta que R fala galego porque está próximo e no mercado da telefonía este factor é moi importante arestora.
Sobre nós e nosoutros, como o tema pode ser interesante para máis lectores, comentareino nun próximo artigo. Graciñas.
Sobre as solucións que propós, non son doadas xa que as empresas o que queren é gañar e vanos gañar igual estea ou non traducido ao galego, por desgraza. Isto é como o o dos xogos que saen e están incompletos, a xente di que eses xogos non valen para nada e son de moi calidade, mais se a xente os merca igual, así non se avanza nada xa que a empresa segue gañando cartos. Unha solución moi efectiva, sería que tódolos galegos deixasen de mercar xogos, por non estar en galego e xa se vería que rápido se porían as empresas a traducir os seus xogos ao galego, para seguir gañando cartos, o problema é que é pouco probábel que pase iso. Outro solución sería que alguén crease unha empresa que se dedicase a traducir os xogos e as películas ao galego, ademais iso xeraría emprego. Tería que falar sobre como repartir os beneficios coas empresas dos xogos, mais estou seguro de que se podería gañar cartos e unha solución interesante. E vexo difícil que o Goberno faga algo, tal e como están, mais deberían facer a prol do galego. Hai que ter en conta que a RAG envioulle 6 propostas sinxelas á Xunta e non lles fixeron ningún caso (polo menos, de momento e xa pasaron varios meses), así que para que nos fagan caso a nós ou a nosoutros.
En fin, agora haberá agardar ao teu vindeiro artigo, a ver de que o fas.
Si a verdade é que non todas as palabras do galego aparecen no dicionario, tes que ser galego para saber se unha palabra, aínda que non apareza no dicionario, pódese dicir ou non. Por certo, agora fixen unha páxina de información deportiva en galego e teño unhas cantas dúbidas :
– No dicionario non aparece respesca nin repescar. Entón, como podo dicir que un equipo ten opción de repescar a un xogador?
– Tampouco aparece tanda. Entón, cando eu estea falando de F1 e queira dicir que os pilotos fixeron tandas largas, medias ou curtas, como o digo?
Podes dicir repesca sen problemas.
Non controlo de lingua de F1 pero quizais con palabras como quenda poderías definir o mesmo.
Pipoca é unha boa palabras, bonita, doada de lembrar, de pronunciar e non entra en conflito con outro significado ou palabra. Estou seguro de que se comezase a aparecer nos medios de comunicación e a RAG a admitise, estenderíase bastante rápido, polas razóns que dixen antes e porque é o perfecto sustituto da palabra castelán palomita.
Pregunteille á RAG sobre o de palomita e estirada no deporte, e dixeron que, aínda que palomita definía unha situación máis concreta e estirada non é exactamente o mesmo, ao pasar dun idioma a outro, non sempre significaba o mesmo, ademais de que non sempre hai unha tradución pra todo.
Comentario número 20. Parabéns!
Parece que o sistema de suxestións da RAG si que funciona. Sobre o de repescar, dixeron que había substituilo por recuperar, agora dicir que un equipo ten opción de recuperación en lugar de opción de repesca… Soa raro, aínda que é cuestión de afacerse.
Tamén lles preguntei como se traducía ao galego a palabra castelá utillero, e dixéronme que en galego había que dicir encargado do material. Iso parece máis definición, parece que me deran a definición. Sen dúbida, o galego ten que actualizarse no ámbito deportivo.
Mais non todo son malas novas. Tamén lles dixen que había que incluír plantel, polo extendido que está e dixéronme que “vamos estudar a súa inclusión xa que é un neoloxismo usado moi frecuentemente no ámbito deportiva”. Tamén lles dixen iso exactamente, dixenlles máis, e tamén lles dixen a diferenza que había entre cadro de persoal ou persoal e plantel, mais que resumirvolo. Oxalá inclúan plantel, falta fai.
Ah, si! Sobre o sistema de suxestións da RAG, tardanmedio día ou 1 ou 2 días en contestarche, iso si cando che contestan, contéstanche todo xunto e, normalmente, cando conestan é pola mañá e intentade non enviar as suxestións a fin de semana.