Dúbidas do galego

Just another WordPress.com site

Yihadistas

Nestes días o Irak vive un novo episodio da guerra iniciada polos EUA no 2003, desta volta por mor do enfrontamento do exército gobernamental contra un amplo grupo rebelde, o Estado Islámico no Irak e no Levante. Na prensa española este movemento insurxente recibe o adxectivo “yihadista”. O termo (aínda non recoñecido polo dicionario da RAE) presenta un desafío para a redacción en galego.

A pesar de que o concepto de guerra santa é común a varias relixións, ultimamente, superadas as cruzadas cristiás, a guerra santa por antonomasia é a que proclaman determinados grupos extremistas que profesan o islamismo. No noso idioma o dicionario da RAG non recolle unha forma propia para adaptar o árabe ljádel. A través do inglés e o francés reproduciuse con caracteres latinos con j e h intercalado. O portugués adaptouno sen máis: jihad. En castelán, para evitar confusións, optouse por unha vía semifonética: yihad (habitualmente pronunciada na prensa como yighad).

En galego, entrementres non se tome unha decisión académica, podemos manter o termo “internacional” con cursivas: A jihad apenas ten relevancia no Alcorán. É razoable pensar que a adaptación se faga dun destes dous xeitos: seguindo a grafía galega: xihad ou xighad; ou ben mantendo a forma internacional jihad, igual que se mantén judo ou judoka.

Outra consideración merece a palabra jihadista. A prensa española abusa dun termo que considera politicamente máis correcto que o tradicional islamista, aplicado case por defecto a grupos violentos que buscan (supostamente) impor o Alcorán como base filosófica e política. Dado o fortalecemento de partidos políticos que buscan combinar a acción política con valores propios do islamismo a través de canles democráticas (desde os Irmáns Musulmáns exipcios ao Partido da Xustiza e do Desenvolvemento, gobernante en Turquía), procurouse diferenciar estoutros grupos violentos co cualificativo de jihadistas.

En realidade, é un adxectivo igual de racista e inexacto. Alguén definiría como cristiá a Falange Española? Nin sequera os fundadores do partido se contentaron con ese termo tan amplo e inventaron iso de nacionalcatolicismo.

Cando nos refiramos a grupos terroristas ou armados en países musulmáns cómpre evitar clixés. O máis doado, falar deles sen grandes profundidades ideolóxicas, máis tendo en conta o amplo descoñecemento que en Occidente existe sobre as súas demandas e obxectivos. Rebeldes, insurxentes, opositores… sobran as maneiras de referirse a estes grupos sen entrar en fonduras. De feito, os tales jihadistas iraquís deberían definirse, desde un punto de vista relixioso, como sunnitas.

En galego, a RAG recoñece islamismo mais non islamista. O termo correcto sería islamita. Mais que é un islamita? Segundo o propio dicionario, unha persoa que profesa a relixión islámica, polo tanto, un sinónimo perfecto de musulmán, muslime ou mahometano.

Mais cando falamos de partidos islamitas estamos afirmando que os demais partidos de Exipto ou Turquía están fóra da órbita islámica? O adxectivo islamista si que podería evitar este equívoco. Igual que falamos de democristiáns para definir as correntes que axuntan os valores democráticos occidentais co pensamento humanista cristián, poderiamos aplicarlle o adxectivo islamista a esoutros partidos, caso do gobernante en Turquía.

Por ese motivo tamén é inexacto falar de terrorismo islamita. Imaxinemos que nos telexornais falasen de terrorismo cristián para definir os asasinatos de Anders Breivik en Noruega hai anos. El mesmo xustificou a matanza de mozos afiliados ao Partido Socialista no nome do cristianismo. Cualificativos como extremista son suficientes; a palabra terrorista é bastante elocuente por si mesma. Mesturar conceptos nunca é casual nin inocente. Recordemos o hábito de mesturar terrorismo con independentismo nos casos da ETA e outros para acabar por confundir unha ideoloxía lícita cuns métodos criminais abxectos.

Advertisements

Single Post Navigation

2 reflexións sobre “Yihadistas

  1. Se propós jihad ou xihad, por que titulas yihad?

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: